Táboa de Contidos
Abreviaturas e outras notas
(P) | Proposta de nome feita por algún autor ou por nós mesmos. É probable que xa se estean usando como nomes na práctica e que algunhas galegas e galegos se chamen xa así. Moitas veces están tomados de (ou relacionados con) topónimos, estando neste caso tamén indicado xeralmente no apartado de Top. |
* | Indicado antes dunha palabra nota o seu carácter especulativo, é dicir que non está atestigada documentalmente. |
<T | Indicado ao final dun nome quere dicir que é un nome de persoa do que se pensa que procede algún topónimo galego, segundo pescudas de arqueoloxía toponímica, principalmente do lingüista Joaquín Caridad Arias. Se un poboador deu nome a un topónimo galego, podemos considerar o seu, con boa lóxica, un antropónimo galego. Adoitan incluirse nestes casos algunhas variantes, incluíndo as evoluídas e máis próximas ás formas actuais destes topónimos, e que consideramos máis afíns ao idioma galego actual: estas constan coa abreviatura Evol. |
ap. | Forma apocopada que se usaba na Idade Media cando despois seguía o apelido. |
Co. | Tras un topónimo, indica que pertence á provincia de A Coruña. |
cult. | Cultismo, forma culta por contraposición ás formas patrimoniais do mesmo nome. |
def. | Deformación. |
der. | Derivado. |
dim. | Diminutivo. |
etn. | Etnónimo (nome dun pobo ou dunha tribo). |
Evol. | Forma evoluída dun antigo nome. |
F. or. | Forma orixinal (doutro nome). |
fem. | Feminino/a. |
Hip. | Hipocorístico (diminutivo ou nome familiar). |
Lit. | Orixe ou referencia literaria. |
Lu. | Tras un topónimo, indica que pertence á provincia de Lugo. |
masc. | Masculino/a. |
Or. | Orixe e significado. Cando existen varias orixes etimolóxicas para o mesmo nome ou varias teorías acerca dela, indícanse con números. |
Ou. | Tras un topónimo, indica que pertence á provincia de Ourense. |
Per. | Persoaxes históricas e de sona que tiñan ese nome. |
Po. | Tras un topónimo, indica que pertence á provincia de Pontevedra. |
rel. | Relacionado. |
Rel. | Outros nomes relacionados. |
Top. | Topónimos relacionados. |
Var. | Variante. |
Vars. | Variantes e outras formas. Inclúe tamén as variantes ortográficas segundo a normativa reintegracionista (indicadas cun R como superíndice cando non coinciden coas outras formas admitidas na norma ortográfica da RAG-ILG). Algunhas variantes que non son meramente ortográficas tamén poden figurar con entradas de seu. As variantes en ocasións van seguidas do lugar onde se usan ou outras indicacións entre parénteses. |
Vid. | Véxase. |
Notas sobre a pronuncia
Queremos facer notar especialmente aos lectores que non estean familiarizados coa fonética galega (p.ex. moitos membros da nosa comunidade virtual “Fillos de Galicia”, descendentes de galegos cuxa lingua nai é o español e que coñecen o galego principalmente na súa expresión escrita) que aparte do fonema fricativo xordo representado pola letra x (e mais por -ge-/-gi-/j na grafía reintegracionista) e do -n nasal (-m en reintegrado) ao final dalgúns nomes, existen en galego outras diferencias co castelán que poden pasar desapercibidas e que atinxen ás vogais. Lembramos que en galego hai sete sons vogálicos, e que se diferencia entre o aberto e pechado e e aberto e pechado. Así, p.ex. as vogais no nome Xosé non se pronuncian como no castelán José senón que estárían a medio camiño dalgo como Xusá. Estas diferencias tamén se fan presentes en nomes con ditongos crecentes como Manuel, que en galego é case un trisílabo e se pronuncia parecido a Ma-no-ál.
Por outra banda hai que ter presente o fenómeno dialectal da gheada, que fai que case todos os nomes escritos en grafía RAG con -g- poidan pronunciarse co fonema farínxeo fricativo xordo que no galego se representa como -gh-, aínda que nós non incluímos esa variante escrita habitualmente. Se aceptamos a teoría da orixe céltica dese fenómeno, sería axeitado pronunciar así o -g- de moitos dos nomes que con esta orixe incluímos na nosa listaxe.
Precisamente en canto aos nomes célticos, facemos notar tamén que -ce- e -ci- se pronunciaban orixinalmente -ke- e -ki-. Nalgúns destes casos recóllense variantes gráficas dos nomes para axeitalos á pronuncia do galego actual.
Notas sobre variantes e orixes
Procuramos —ao contrario que algunhas das fontes que empregamos— condensar o máis posible as variantes dos nomes. Así, consideramos un mesmo nome Iago, Xacobe e Xaime, ou Sonia e Sofía por procederen dunha mesma raíz cun mesmo significado. Tamén adoitamos referenciar as orixes máis remotas coñecidas dos nomes, que en moitos casos van de lingua en lingua ata chegar á nosa: p.ex. do grego ao latín, do latín ao francés, e do francés ao galego. Na maioría dos casos non incluímos, por brevidade, a forma orixinal da que proceden, pero si o seu significado, que coidamos moi importante á hora de elixirmos un nome para unha filla ou fillo.