Entrevista con Alejandro López, presidente de Fillos de Galicia

Na VIII Asemblea foi elixido como novo presidente da Asociación Cultural Fillos de Galicia. Trascorridos 6 meses desde a súa elección e nun momento en que Fillos afronta importantes cambios, quixemos entrevistar ao avogado compostelán Alejandro López González, para PlanetaGalego.info:

Casdeiro, Alejandro López e Xosé Luís Santiso

Xa levas medio ano á fronte de Fillos. Como está a ser a experiencia do teu mandato?

É unha experiencia nova e interesante para min, ilusionante polo constante medre no número de membros da nosa Comunidade Virtual, e tamén chea de desafíos polos cambios que temos que afrontar. É un momento importante na historia do noso proxecto, con retos decisivos de cara ao futuro da asociación. Teño despositadas unhas ilusións nese sentido que coido compartimos todos os socios, e de momento estamos avanzando pero amodiño. Persoalmente, é enriquecedor tamén.

Que problemas son os que enfronta Fillos na etapa actual e sobre que solucións traballades?

O principal é o problema que arrastramos desde o noso comezo: a precariedade económica, que se vai agravando a medida que pasan os anos xa que non damos acadado os ingresos precisos para soster o medre que temos de usuarios e a demanda de novos e mellorados servizos que este aumento implica. Falamos de practicamente un 20% de novos membros cada ano! Continuamos a procurar os medios para ofrecer o servizo coa calidade axeitada, témolo tentado ampliando o compromiso dos nosos usuarios, promovendo que se convirtan en socios, pero esa vía coido que atopou un teito do 1% que non damos superado. Agora estamos tamén embarcados na substitución á fronte da xestión técnica de Casdeiro, o creador de Fillos de Galicia, mediante a posta en marcha dunha oficina en Galicia onde traballe un equipo máis amplo de novos traballadores e voluntarios da asociación. Pero aínda non demos atopado un lugar económico e axeitado onde traballar ese novo equipo.

Podes explicar brevemente como é o proceso de toma de decisións en Fillos? Quen ten ese poder? Persiste entre algúns usuarios a idea de que se concentra nas mans do xestor?

Pode ser debido a que actualmente o xestor é a persoa que creou o proxecto, e que botou a andar a asociación, e polo tanto é o que dá a cara as máis das veces, pero el non deixa de ser unha persoa ás ordes da Xunta Directiva. Neste órgano colexiado estamos este ano 6 socios que somos os que tomamos as decisións urxentes que non sexan meramente técnicas. As decisións máis importantes tómanas os socios en cada momento; estamos comunicados vía correo electrónico e funcionamos cun xeito de democracia directa. A nivel máis estratéxico as pautas márcanas tamén o conxunto dos socios por medio das Asembleas Xerais Anuais. É un funcionamento habitual dentro das ONGs pero potenciando a comunicación fluida e a participación directa dos socios en todo o importante que haxa que decidir.

Despois de 11 anos de existencia, que logros salientarías de Fillos?

Para min o máis destacable é o punto de encontro novo que creamos, cuxa magnitude actual e constante crecemento reflicte claramente que era preciso, que lle facía moita falta á nosa diáspora, nunha etapa histórica na que os demais centros están a perder participantes. E sobre todo é un logro termos chegado ata aquí sen demasiado apoio institucional, só mediante o compromiso e esforzo dun fato de persoas comprometidas.

Xa practicamente 6 mil membros pero só 60 forman parte da asociación como socios. Cal é a túa avaliación disto e que consecuencias pensas que ten para o desenvolvemento das potencialidades de Fillos?

A avaliación é negativa, hai que dicilo, pero debemos matizala. Coido que é unha consecuencia normal da falta de compromiso xeralizada que ten a nosa sociedade. O noso non é un caso anómalo: falta moita cultura participativa, de asociacionismo e implicación. A consecuencia? Pois por unha banda a constante perda de tempo e de recusos que debemos empregar en buscar os medios económicos para custear as nosas actividades, un tempo que é moi escaso e que debíamos estar empregando en atender ás necesidades deses 6 mil membros e de moitos máis milleiros que nos visitan anonimamente.

Coa actual presenza do equipo xestor en Galiza, conséguese unha mellor coordenación con outras entidades e institucións vencelladas coa diáspora e coa cultura? Hai colaboración por exemplo coa Fundación Galicia-Emigración?

Algunha mellora si que acadamos coa administración. Penso que puxemos as bases para estabilizar un tanto as nosas contas, mediante os ingresos fixos que nos proporciona un convenio coa Secretaría Xeral de Emigración, porque antes viñamos obtendo uns recursos semellantes pero dunha maneira menos constante e que nos esixía moito traballo e nos deixaba nunha inseguridade económica moi grande ate final de ano, cando se pagaban as subvencións. Lamentablemente non demos aínda avanzado todo o que sería desexable a este nivel, parécenos que aínda falta un grao maior de implicación e de coordenación. O exemplo pode ser o que comentas desta Fundación, coa que debería haber un apoio e traballo mutuo a prol do noso público común, os emigrantes, pero aínda que o novo xerente recibiu a Fillos o ano pasado, e lles fixemos unha proposta detallada de colaboración moi centrada sobre todo no que viamos que nós lles podiamos ofrecer a eles no terreo de Internet, que é o noso ámbito, aínda estamos esperando unha resposta despois de máis de 10 meses.

Para rematar, gostaríanos tocar un dos temas que máis preocupa aos usuarios de Fillos.org: a nacionalidade para os netos dos galegos. Como está actualmente o tema?

Pois existe bastante incerteza e un crecente desacougo, sobre todo derivado da interpretación que finalmente se faga dun termo que aparece na Lei de Memoria Histórica, o de “exiliados”. Ao primeiro o goberno dicía que habería unha interpretación ampla dese concepto e que entrarían todos os netos. Agora xorden moitas dúbidas porque non está definido en termos unívocos o concepto na Lei aprobada e semella por algunhas noticias recentes que vai haber unha interpretación en sentido contrario, restritiva, do que significa o “exilio”. A que periodo fai referencia? Só á Guerra Civil? E logo, que pasa cos exiliados anteriores por motivos políticos? E cos do “exilio económico”, que son a maioría, que vai pasar? Estamos atentos ao que se faga finalmente, pero de momento hai unha sensación de decepción, de temor a verse de novo enganados polos políticos.

Grazas, Alex. E moita sorte no resto da túa presidencia.




Deixar resposta