Todos os asasinos de Miguel Anxo

Casdeiro verque neste poema conmemorativo do décimo aniversario do asasinato a mans de ETA do fillo de ourensáns, Miguel Ángel Blanco, o seu sentir acerca dunha cuestión agachada detrás deste crime: por que tiña un fillo de emigrantes galegos que estar no PP, e ser así irónica diana duns autoproclamados defensores doutro pobo asoballado polo mesmo nacionalismo do que fan parte esas siglas?

"Todos os asasinos de Miguel Anxo"

O fillo dos que emigraron
porque ao seu país
lle roubaran o futuro,
lle sorberan o sangue,
década tras década,
xeración tras xeración,
en séculos nocturnos de pedra,
naceu en terra allea
onde por algún detestable sarcasmo do destino,
rematou como outros,
nas filas dos responsables
dese roubo histórico,
dese infame exilio da fame.

E así foi que te elixiron forzas aínda máis escuras
como cabeza de turco prescindible
nun xogo de cartas trampeado co poder.

Fuches feito símbolo ao teu pesar,
refén inxusto de causas talvez xustas,
en calquera caso lixadas sen remedio e para sempre
polo teu sangue
e a nosa agonía.

Aínda sinto o eco daqueles días
chegando a min a través do tempo
e a pólvora,
e óllote de novo, irmán,
con dor e con carraxe
para os que che tronzaron a vida
e para os que te puxeron no camiño
de seres unha vítima máis
que sumar ao noso expolio nacional.

Non lles serviu de nada aos teus pais
fuxir da miseria,
porque ti abrazaches
-ignorante ou renegado-
aos autores dela
e os seus pecados cometidos contra outros
procuráronche como premio
                      a túa morte.

(8 de Xullo de 2007)



2 Responses to “Todos os asasinos de Miguel Anxo”

  1. casdeiro says:

    O outro día enteireime de que un tal Iñaki Ortega Cachón de Nuevas Generaciones do PP foi en boa medida o responsable de que Miguel Anxo Branco entrase no PP. El polo visto foi o que o animou a entrar en política (no PP, claro!).

  2. casdeiro says:

    …non hai máis que entrar na wikipedia para confirmar ese dato.

Deixar resposta