Reunión de Fillos.org co Secretario Xeral de Emigración

A delegación da Asociación Fillos de Galicia mantivo unha reunión con Manuel Luis Rodríguez para solucionar a falta de entendemento. Esta reunión semella que abre unha nova etapa de colaboración.

No encontro oficial mantido o pasado xoves 21 en Santiago ambas as dúas partes conseguiron achegar posturas e aclarar desencontros previos derivados da falta de comunicación e da posta en marcha en 2005 do portal GaliciaAberta sen a participación de Fillos de Galicia, segundo valoraron tras a reunión os responsables desta organización. O encontro produciuse como resposta da Xunta á proposta de convenio que Fillos presentara hai sete meses. Os dirixentes de Fillos.org, portal pioneiro en achegar Galicia aos emigrantes, explicaron ao máximo responsable de Emigración da Xunta de Galicia cal era ao seu entender o problema da duplicidade de funcións entre ambos os dous portais que ate o de agora viñeron funcionando de forma illada e ofreceron a súa colaboración e experiencia en Internet para contribuiren a beneficiar aos destinatarios finais dos dous proxectos.

“Parecíanos absurdo e demasiado custoso que GaliciaAberta fixese en parte o mesmo ca Fillos, e a partir de agora traballaremos doutra forma, procurando sinerxias e menos en competencia”, declarou Manuel Casal Lodeiro, presidente e xestor de Fillos de Galicia. Desde esta entidade amosaron a súa satisfacción por poñeren fin a unha etapa de desencontros e comezar outra que ao seu entender deberá estar marcada “por unha colaboración a prol de todos os internautas de orixe galega que demanden acceso á nosa cultura e mais a todo tipo de informacións e trámites sociais,
laborais ou de reencontro familiar”.

Así, a devandita colaboración iría tomando corpo deica fin de ano por medio do financiamento extra co que a Secretaría de Emigración fornecería a Fillos, en tanto que o veterán portal da emigración galega tería intención de “iniciar certas accións promocionais das novas da Secretaría Xeral e de GaliciaAberta”. Máis adiante e segundo os resultados obtidos estudiaríase a posibilidade de ampliar o acordo de colaboración entre a Secretaría e Fillos a fin de millorar os servizos e informacións que aporta Fillos.org, portal con máis de 3.700 mebros rexistrados e 100.000 visitas mensais, á diáspora galega.

Asemade agárdase que o financiamento acordado “contribúa a estabilizar as nosas contas de ingresos e gastos de tal xeito que deixemos atrás definitivamente a constante precariedade e poidamos contratar máis axuda para levar adiante os nosos proxectos. Pero non queremos quedarnos aí, e pensamos que é precisa unha redefinición conxunta do que fai e contén cada portal, Fillos.org e Galicia Aberta.”

De todos os xeitos e aínda que o resultado desta reunión foi acollido favorábelmente pola comunidade virtual que compón Fillos de Galicia éstes sinalan que “segue haber certo escepticismo, vista a evolución anterior das nosas relacións coa Secretaría Xeral de Emigración.” Amáis, este escepticismo estaría tamén baseado no feito de que a Xunta non contempla a posibilidade de que Galicia Aberta deixe de exercer as labouras que Fillos leva desenvolvendo dende hai case 10 anos ou alomenos de optimizar os recursos da Administración aproveitando a experiencia de Fillos.

Porén, Manuel Casal Lodeiro expresou o desexo de que o vindeiro ano, haxa oportunidade de crear un ambiente propicio para “que cada quen se dedique ao que mellor pode facer e o que lle corresponde como entidade civil ou como administración, esa é a filosofía que penso debe guiar calquera modificación dos respectivos
servizos.”




Deixar resposta