Manuel Casal Lodeiro, presidente da Asociación Cultural Fillos de Galicia, asistiu como invitado da Fundación Cidade da Cultura ao Foro que tivo lugar os pasados días 29 e 30 en Compostela, e no que o Goberno Galego consultou a representantes diversos do tecido cultural galego acerca do futuro da Cidade da Cultura. Velaquí publicamos as súas impresións acerca do acadado no foro.
O obxectivo co que tomei parte neste proceso participativo aberto, foi o de que non se esquecera aos emigrantes no proxecto Cidade da Cultura. Cando se fala de cultura en Galiza ás veces esquecemos que os galegos residentes no exterior (e mais os seus fillos, netos, etc.) teñen dereito a acceder a esa cultura, en todas as súas formas, tanto pasivamente (como receptores dos actos, proxectos e produtos culturais) como activamente (como creadores de cultura, artistas, etc.). E ese dereito está recolleito oficialmente en leis como a Lei de Galeguidade ou no propio Estatuto de Autonomía, agora ambas as dúas en fase de reforma e afortalamento deses dereitos.
Así é que a miña voz no foro teimou por facer fincapé en que un proxecto desta envergadura, e no que as Novas Tecnoloxías han estar moi presentes, debe fornecer medios para que toda a cultura que nel se produza ou coordine, estea ao alcance dos galegos do exterior, e que no sentido oposto, teña as portas aberta á cultura galega creada por eses mesmos galegos de fóra.
Estou satisfeito porque conseguimos que nas directrices xerais do proxecto Cidade da Cultura se recolla como un aspecto trasversal a Galicia Exterior, ademais de terse en consideración destacada en diversos puntos da versión ampliada do documento de Recomendación e propostas, nomeadamente no que atinxe á coordinación e promoción cultural.
Por exemplo suxerimos que a Cidade da Cultura dispoña dunha versión online, tanto como plataforma global, como de todos os seus actos e proxectos, como vía máis doada para os facer chegar aos emigrantes, complementado opcionalmente cunha canle de TV temática que emita en Internet os actos da Cidade da Cultura. Isto feito complementario dunha promoción dun turismo cultural de raíz, para aqueles descendentes de galegos que poidan vir visitar a Cidade da Cultura física.
Tamén apoiamos ideas doutros participantes relativas á participación da nosa emigración na Cidade da Cultura, como foron a inclusión do enorme e valioso patrimonio cultural do que dispoñen as Comunidades Galegas, no catálogo de recursos culturais que se propón para a Cidade da Cultura, ou a integración da pegada dos galegos nas culturas dos países de acollida entre os contidos da Cidade.
En definitiva, representamos a voz deses galegos que utilizamos principalmente as Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Internet principalmente) para acceder á cultura galega. Esperamos que a plasmación final da Cidade da Cultura contemple todas estas ideas e recomendacións, o cal permitirá que os emigrantes esteamos moi presentes na política cultural de Galiza en torno a este xigantesco proxecto.
























