Entrevista de Fillos de Galicia co Subdirector Xeral de Comunidades Galegas

O pasado venres, día 17 de Febreiro, unha delegación da Asociación Cultural Fillos de Galicia, encabezada polo seu presidente Manuel Casal Lodeiro, entrevistouse en Santiago con Carlos Sixirei Paredes, Subdirector Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

Nesta reunión, ademais de facer entrega ao Subsecretario do 3º Manifesto de Fillos de Galicia incluindo varios centos de adhesións que emigrantes e descendentes fixeron chegar desde todo o mundo a través do portal Fillos.org, tratáronse unha serie de temas importantes para o colectivo emigrante en xeral, coma o da nacionalidade para os netos, tema no que Daniel Tomé Seoane, comisionado de Fillos de Galicia para o asunto, solicitou en nome da asociación un xesto a favor por parte do noso goberno autonómico.

Sixirei informou aos representantes de Fillos dos pasos que se van seguir por parte dos centros galegos e da Xunta con respecto á redacción dunha nova Lei da Galeguidade, tema de especial interese para a Asociación Cultural e na que Fillos pediu ao representante da Xunta que se recolla tamén a opinión e as características especiais de Fillos de Galicia, de maneira que non sexan un impedimento para que se lle recoñeza ao centro galego virtual a súa Galeguidade.

Mentres non se aprobe esta nova lei, acordaron que Fillos de Galicia solicitará o status de Centro Colaborador, o que lle dará opción á Asociación a participar nun número maior de programas dos que a Xunta presenta cada ano para a emigración. Outro compromiso asumido polo subdirector xeral foi proceder á publicación, longo tempo diferida, do ensaio sobre o papel de Internet na conservación da cultura galega, que baseado na experiencia de Fillos.org, escribiu Manuel Casal Lodeiro en 2003 e recibira o premio Galeguidade convocado pola propia Xunta de Galicia.

A delegación e Fillos (na que ademais de Casal e Tomé participou a representante en Lugo e encargada do Atopadoiro, Marisa Álvarez) presentoulle ao subdirector xeral un proxecto de colaboración que reforzará o web da Secretaría (Galicia Aberta) e tamén o portal Fillos.org, mellorando as canles entre ambos e facendo deles proxectos coordinados pero independentes, que se complementen na súa labor a prol da emigración, e que reportará beneficios a ambas institucións. Nesa proposta inclúese a oferta de Fillos de Galicia para asesorar coa súa experiencia e capacidade tecnolóxica á Secretaría Xeral de Emigración en todo o referido a Internet. Carlos Sixirei comprometeuse a llo presentar á maior brevidade ao Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez.

A viaxe do presidente de Fillos a Galicia con motivo desta entrevista foi aproveitado para realizar unha xuntanza de traballo con varios membros da Xunta Directiva e outros socios residentes en Galicia. Esta reunión tivo lugar na Biblioteca Antón Fraguas que o Museu do Pobo Galego lle cedeu para a ocasión, en virtude dun convenio de colaboración que esta entidade ten coa Asociación Cultural Fillos de Galicia.




Deixar resposta