Fillos.org é o único centro galego con futuro

Moito adoito pensar sobre o futuro dos centros tradicionales… Parte deste meu pensamento plasmeino naquel famoso (?) ensaio que premiou a anterior Xunta para telo gardadiño nun caixón e que non saíra á luz. Pero sego a lle dar voltas nos miolos ao asunto e cada vez teño máis claro que o único centro galego que ten un futuro minimamente asegurado é o centro galego virtual, i.e. Fillos de Galicia. (por Casdeiro)

E por que penso así?

Está claro que por unha banda hai pouquísimos centros galegos no mundo que estean vendo acrecentarse o seu número de socios: isto é lóxico, porque os emigrantes que os forman van morrendo e non chegan novos, e os fillos amosan un interese en continuar nos centros dos seus pais e avós en menor medida ca aqueles. Polo tanto só lles resta esmorecer vendo cómo desaparecen os seus membros. E sen socios, non hai centros. Poderán fusionarse, facer campañas de captación, pero iso só serverá para retrasar o inevitábel.

Os únicos centros que talvez estean aumentando o seu número de socios sexan os de Canarias, lugar de destino preferente da nova emigración galega. Pero dame a min que hoxe en día os galegos que emigran non senten tanta necesidade de se xuntar nestes centros, que non lles vai moito ese modelo de relación nin de asociación. En calquera caso, cos anos, cando mingüe esta emigración, hanse atopar no caso dos demais. En resume: a continuidade dos centros, a longo prazo, depende inevitabelmente da continuidade dos fluxos migratorios a cada zona.

E se damos por boa esta análise, como é que Fillos de Galicia pode fuxir deste destino inexorábel? Pois en primeiro lugar porque Fillos nútrese de usuarios de Internet, e o número destes aínda non deixou de medrar (e non o fará ate chegar a Rede ao 100% da poboación). E porque precisamente o perfil de membros que se inscriben na nosa comunidade virtual (actualmente preto dos 2.800), é o dos que non son visitantes habituais dos centros, ben sexa porque non teñen un a man, porque non lles cadra o horario nesta vida cada vez máis estresante, ou porque como fillos ou netos nunca estiveron moi metidos na onda destes centros tradicionais, que agora, aínda que os teñan na súa localidade, estanlles cheos de vellos e non lles satisfacen o seu desexo de relación e aprendizaxe. Polo tanto na medida que os centros tradicionais vaian desaparecendo, haberá máis e máis galegos e descendentes necesitados de atopar un lugar como Fillos. É dicir, iremos recollendo a todos os orfos que queden cando os centros decidan pechar as súas portas, facendo de ponte virtual entre os restos da galeguidade espallados polo mundo. Isto tense demostrado no mundo do e-business, como a viabilidade do nicho de mercado en Internet, cando o nicho local non alcanza o mínimo preciso para ter sentido unha oferta local.

Por iso penso que é preciso que Fillos de Galicia resista a súa precariedade, porque non é que teña problemas por non ter utilidade, senón porque a cegueira das institucións leva a unha falta de apoio que se demostrará como un erro histórico, nestas coordenadas demográficas e tecnolóxicas que nos vai tocar vivir.




Deixar resposta