Quixen ler o proxecto de Novo Estatuto de Galiza presentado estes días polo Bloque, para ver qué ofrecía cara a nós, os emigrantes e os descendentes de emigrantes. Velaquí as miñas impresións e dúbidas. (Por Casdeiro)
No artigo 3, p. 10 dise que:
10. O Goberno galego fomentará o emprego do galego nas zonas
galegofalantes do exterior de Galiza.
Gostaríame saber qué se vai entender por zona galego falante (que tanto-por-cento de falantes habituais de galego se precisaría para tal denominación) e se unicamente se vai promocionar aí, e non onde queira que haxa un galego ou un descedente que o fale. Parécenos que esta redacción pode deixar fóra a parte dos galegos do exterior.
No artigo 4 tócase un punto que nos preocupa moito aos descendentes dos galegos emigrados:
2. Unha Lei do Parlamento de Galiza regulará os procedementos de adquisición, conservación e perda da cidadanía galega, que deberá ter en conta a situación de todas as persoas residentes fóra de Galiza, que dispuxesen da súa última
veciñanza en territorio galego, e a da súa descendencia.
Parece que o BNG non se quere mollar, xa que di que unha futura lei ha regular esa adquisición. Tampouco se aclara que relación ou diferenza habería entre a cidadanía galega e mais a nacionalidade española. Iso foi un tema polémico na proposta de Estatuto Vasco, pero polo menos alí tentouse explicar esa relación entre cidadanía e nacionalidade. O BNG que propón exactamente? Poderemos ter cidadanía galega e nacionalidades non españolas, por exemplo? Poderá ser compatible a cidadanía galega co empadroamento fóra de Galiza? e fóra de España?
O artigo 5 explica que:
1. Os poderes públicos galegos fomentarán o vencellamento social, económico e
cultural cos membros das colectividades e centros galegos asentados no
exterior.
Pero non nos define o que é unha Comunidade Galega. Máxime cando o PSdeG anunciou unha reforma para o 2006 da Lei da Galeguidade, cómpre definirse ben clariño de que estamos a falar con esa expresión, á que se lle fai merecedora de certos dereitos no proxecto de Estatuto.
No punto 2 parécenos criticable que se diga:
2. Por lei do Parlamento de Galiza regularanse as relacións con estas entidades,
así como a prestación dos dereitos que en cada caso lles correspondan.
porque parece deixar fóra das relacións de dos dereitos aos galegos a nível individual. Imos incorrer no histórico erro de só lembrarnos dos galegos que están inscritos nos centros. Estando cada vez máis desvencellados parece menos xustificable ca nunca.
No art. 26 tócase outro tema que nos preocupa moito aos fillos dos emigrantes:
1. Todos os cidadáns e cidadás galegas teñen dereito a un traballo digno en Galiza, a se desenvolveren profesionalmente e a accederen de forma gratuita
aos servizos públicos de ocupación, ben como a accederen á formación profesional inicial e continua.
Cando din a todos os galegos… tamén nos contan aos emigrantes e descendentes? Teriamos dereito estatutariamente a traballarmos en Galiza? Se é así que o digan, non vaia ser que despois non sexa certo o que nos prometen.
No art. 34 temos outra pregunta:
2. Os poderes públicos adoptarán as medidas precisas para garantir a igualdade entre as persoas e os grupos en que se integran, a participación de todos e
todas na vida política, social, económica e cultural de Galiza, a solidariedade interxeracional e a extensión dos beneficios dos servizos públicos e da
protección social a todas as persoas que residan en Galiza, con independencia da súa orixe e nacionalidade.
Que residan en Galiza? E os galegos de fóra? Que pasa connosco?
Pouco máis adiante, no art. 35, p. 3 dísenos:
3. Os poderes públicos galegos asumen a obriga de garantir a todos os galegos e a todas as galegas o dereito a viver e traballar na propria terra.
Que quere dicir iso de a propia terra para os que emigraron? E para os que xa nacemos fóra de Galiza?
No art. 39 temos que:
2. De conformidade co estabelecido no artigo 25, garántese o dereito das persoas e dos grupos a participaren na vida cultural, así como a accederen á
cultura sen discriminacións. En especial, os poderes públicos removerán os atrancos que impidan a igualdade e libertade cultural dos individuos e dos
grupos en que se integran e promoverán o acceso igualitario de toda a cidadanía ás redes de comunicación e transmisión da información.
Pero cómo se nos vai garantir ese acceso igualitario aos galegos de fóra?
No art. 43 detecto que se pasou por alto un tema fundamental, que xa propuxen nos foros que se abriron no seu día na WWW para debatir e enviar propostas e que vexo que caeu en saco roto:
2. A Lei electoral garantirá unha equilibrada e axeitada representación territorial, no marco dun sistema proporcional, así como a participación paritaria de homes
e mulleres.
A cuestión que se deixou de explicitar é como serán representados os territorios onde viven -fóra de Galiza- os emigrantes? Poderase dicir que iso ficará determinado na Lei electoral correspondente, pero parece moi pertinente dicir expresamente que os emigrantes terán unha representación propia, con parlamentarios propios, elexidos por unha (ou varias) circuscricións electorais especiais extra-territoriais. É unha reivindicación nosa e de máis xente, que vense arrastrando desde os tempos da transición á democracia. Xa vai sendo hora de que o BNG (e os demais partidos) se posicionen a favor ou en contra desa representación propia para os galegos do exterior no Parlamento Galego.
No art. 54, dise que:
2. Os concellos son as entidades locais básicas de Galiza e as canles de participación cidadá nos asuntos públicos. (…)
Pero serán a única canle da participación? Daquela, que participación nos queda aos que estamos fóra, lonxe dos nosos concellos ou non vencellados a ningún? Debe lembrarse que hai galegos, cuns dereitos de participación política (iguais ou non aos do resto) que debemos poder canalizar por algures a nosa participación na política de Galiza, que ao fin e ao cabo, tamén nos afecta.
Máis adiante no art. 77 fálase das Delegacións Galegas no Exterior:
1. O Goberno de Galiza criará, baixo o nome de Delegación Xeral de Galiza, unha Oficina de representación institucional da Galiza nos países onde
considere conveniente facelo, tanto en atención á significación política, económica ou cultural que para Galiza poidan ter eses países, como en función
da presenza neles de comunidades galegas cuantitativa ou cualitativamente significativas.
Interésanos coñecer que funcións concretas han ter esas especie de embaixadas (polo que semellan seren) e que quere dicir iso da presenza cualitativa das comunidades (ademais do impreciso do termo, segundo comentei antes).
E para rematarmos, comentar acerca das polémica disposicións finais:
O Parlamento de Galiza reclamará aos Parlamentos das Comunidades Autónomas ás que actualmente pertencen as comarcas limítrofes de fala galega,
que a declaren co-oficial no territorio dos concellos desas comarcas e nos órganos institucionais centrais das respectivas Comunidades Autónomas.
Por que se limitaren a esas bisbarras limítrofes esa petición? Que tanto-por-cento de falantes deberá haber nelas para que se solicite? Tense en conta que hai zonas por exemplo no País Vasco onde pode haber doadamente un tanto-por-cento semellante? O importante é a proximidade xeográfica ou cultural? Que se vai facer cos pobos de Estremadura onde tamén se fala e que están lonxe tamén de seren limítrofes?
Poderán incorporarse a Galiza aqueles concellos limítrofes de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante
procedementos democráticos que serán regulados por lei
A min paréceme moi ben deixar aberta a porta a ese retorno desas localidades a Galiza -nada que non digan outros estatutos de comunidades autónomas-, pero non entendo moi ben por que esa conxunción e que obriga a se daren todas as características conxuntamente. Tampouco entendo quén ha regular por lei, como se di ao final da disposición, esa incorporación: Galiza? España? A outra comunidade afectada? O propio municipio interesado? E por suposto paréceme que non se debera limitar aos concellos que sexan limítrofes. Desde sempre houbo enclaves, e de feito aínda os hai, que permiten que un territorio sexa administrado por un poder non limítrofe.
Estes son os comentarios concretos, pero en conxunto parece haber unha falla global dos emigrantes e dos seus descendentes na mente dos redactores do proxecto estatutario nacionalista. E tampouco vemos reflectida a necesaria demanda dun dominio propio en Internet (o famoso .GAL ou .GZ), tema que como comunidade virtual tamén nos interesa en Fillos.org.
Esperamos ter resposta ás nosas dúbidas por parte do BNG para saber se o seu vai ser un proxecto que apoiarmos ou non, e ate qué punto nos ten en conta.

























Podedes ler aquí o comentario que en Vieiros fixeron deste artigo.
Velaquí tedes a páxina da nosa campaña polo dominio de primeiro nível galego.
ME PARECE PERFECTO QUE LUCHEN POR LOS HIJOS DE EMIGRANTES ESPAÑOLES,OBTUVE MI NACIONALIDAD ESPAÑOLA POR OPCION,DE ACUERDO
Ley 36/2002, POR SENTIMIENTOS Y ARRAIGO A LA TIERRA DE MI PADRE QUISIERA QUE SUS NIETAS PUDIERAN OBTENER DICHA NACIONALIDAD,LA CUAL SOLO LA PODRIAN OBTENER SI RESIDIERAN EN ESPAÑA,ESTUDIAN Y TRABAJAN EN URUGUAY
COMO CIUDADANA ESPAÑOLA TENGO DERECHOS YOBLIGACIONES,VOTO, EN EL CONCELLO DE VIGO,VILLABOA
MIS HIJAS QUISIERAN TAMBIEN PODER VOTAR
ESPERO QUE CON LA TRANSICION A UN GOBIERNO DE IZQUIERDA SE LES CONCEDA LA CIUDADANIA A LOS NIETOS DE GALLEGOS
Pareceme que o BNG fai moi ben pedindo ese estatudo, e se o pobo galego é intelixente non dirá que non o estatudo, Os que estamos no “exilio”, seguimos amando a Galicia, e sabemos que os fillos que aló se quedaron seguen loitando pola Galiza Ceibe dos soños…Viva GALICIA!