Fillos.org denuncia o electoralismo do portal GaliciaAberta

Consideran que é una manobra para obter os decisivos votos da emigración nas eleccións de Xuño.

Con motivo da presentación do novo portal que a Xunta de Galicia
inaugura esta semana destinado aos emigrantes e aos Centros
Galegos, a Asociación Cultural Fillos de Galicia remitiu aos
medios un comunicado no que expresa a súa “indignación” ante o que
eles consideran una “mera actuación electoralista” do Partido
Popular. Ao seu entender, se a Xunta quixese atender as
necesidades dos emigrantes a través de Internet apoiaría o traballo
que Fillos de Galicia vén facendo dende 1997, ou, cando menos,
tería reaccionado cando os propios centros recoñeceron a necesidade
de dispoñer dun espazo común en Internet a finais do 2003, no VII
Congreso de Colectividades Galegas. “En canto detectamos que os
centros necesitaban o que nós levabamos xa anos ofrecendo aos
emigrantes a nivel particular, unha organización con tan escasos
recursos como a nosa reaccionou e, en apenas 3 meses, creamos
Galeguidade.net. Por que a Xunta tardou un ano e medio? Só se
explica porque queren acadar un rédito electoral”
, apunta Manuel
Casal Lodeiro, presidente de Fillos de Galicia, á luz de que a
presentación ten lugar xusto no tempo da visita de Manuel Fraga
a Arxentina e a Uruguai desta semana.

Quéixanse así mesmo do despilfarro que supón crear o que para eles
non é senón “unha copia serodia e absurda dos nosos portais
Fillos.org, Atopadoiro.org e Galeguidade.net
, gastando unha
cantidade que deberían facer pública, para duplicar un esforzo de
anos e partiren de cero cando Fillos xa vén dando un servizo diario e
gratuito a miles de visitantes e usuarios rexistrados, e conta
cunha importante rede de colaboradores voluntarios. “Hai anos que
solicitamos o seu apoio e que puxemos á súa disposición a
nosa experiencia e relevancia como portal máis visitado da
emigración galega, pero a súa resposta foi practicamente nula”
,
quéixanse desde a asociación, que unicamente recibe 300 euros ao
ano, desde o 2003, da Consellería de Emigración.

“Pasar por alto agora o inmenso traballo xa realizado polos propios
emigrantes para partir de cero nun novo proxecto, totalmente baixo o
seu control, parécenos unha omisión moi cara que non se pode tolerar
nunha administración pública”
, critican.

Ademais protestan porque esta Consellería premiou no citado ano 2003
un ensaio escrito polo presidente de Fillos de Galicia no que se
poñía de manifesto a necesidade de actuar no eido de Internet para
manter a identidade e a cultura galegas na emigración. “A día de hoxe
(ano e medio despois) aínda estamos esperando a que o publiquen”
,
critica o seu autor. “Temos a sensación de que o premiaron para
demoraren precisamente a súa publicación e así non quedar en evidencia
pola súa nula actuación en Internet e pola súa falla de interese en
apoiar o noso labor pioneiro”
, engade. Opinan tamén que é
totalmente contraditorio premiar un ensaio que defende dun modo
teórico un proxecto (Fillos.org) que nunca foi apoiado na práctica
de xeito decidido, e ademais denuncian que non é a primeira vez que a
Xunta realiza actuacións deste tipo e que finalmente resultan un
rotundo fracaso e un gasto inútil que deben pagar todos os galegos.

Fillos de Galicia esixe no seu comunicado que a Xunta de Galicia
explique por que se gasta diñeiro público (e canto foi) en duplicar
o seu proxecto en lugar de apoialo o sumalo ao seu. Tamén consideran
preocupante e sospeitoso que en Galiciaaberta.com a súa asociación
sexa excluida tanto dos enlaces como do directorio de entidades da
emigración. “De feito enviaron comunicación acerca do portal a todas
as entidades da emigración agás a nós, que nos tivemos que enteirar
por terceiros de que estaba en marcha este proxecto copia do noso”
,
engaden.

(Máis información)




4 Responses to “Fillos.org denuncia o electoralismo do portal GaliciaAberta”

  1. Anónimo says:

    É incríbel que os nosos dirixentes sigan a facer da emigración un instrumento electoral. En lugar de loitar para que non teña que emigrar ninguén, e quen o faga sexa por gusto e non por obriga, adican os seus esforzos e os nosos cartos a atraer os votos dos que andan fóra. Esa é a súa única preocupación, asegurar a poltrona.
    Cambio de goberno xa!

  2. Anónimo says:

    E non só iso, senón desprezando iniciativas como Fillos de Galicia, un proxecto que comezou desde cero co traballo voluntario de poucas persoas que só contaban coa ilusión e a satisfación de axudar aos nosos emigrantes, para agora mal copialo para comprar os seus votos.

Deixar resposta