Hallowe’en en Galiza: ¿festa importada ou tradición recuperada?

Casdeiro fai unha reflexión co gallo dos novos costumes da Noite de Defuntos chegados dos Estados Unidos.

Como todos os anos por estas datas enfrontamos unha discusión recurrente acerca da festividade coñecida popularmente como Hallowe’en. Calificada por moitos como tradición foránea, mostra de colonialismo cultural, cando non de idiotismo local, existen unhas poucas voces que a defenden desde un punto de vista pouco habitual. Non se trata de aspotar por unha sorte de liberalismo sociocultural de tipo “Cada quen que festxe o que queira e como lle pete”, que estaría contraposto á defensa politicamente correcta das auténticas tradicións do pobo galego. Non; hai outra postura que de feito aposta porque tal vez esta festa do Víspora de Todos os Santos (Hallowe’en non é senón unha contracción de All Hallows Eve), esta especie de sinistro entroido de inverno, pode ser unha moda copiada dos ianquis na meirande parte de Europa, pero que non sería así en Galiza, en calidade de país celta que foi/é.

Efectivamente, entre os benintenciados defensores das nosas tradicións autóctonas diante do imperialismo invasor, poucso se para a pensar que os estadounidenses pouco máis fixeron que retrasmitiren ao mundo unha tradición que eles á súa vez copiaran de fóra, concretamente de Irlanda. É dicir, o Hallowe’en (ou, mellor dito, en irlandés o Samhain pronunciado são-iñ) é orixinalmente una tradición irlandesa ben arraigada na súa etnicidade como pobo celta ou gaélico.

Conan Kennedy, no seu Ancient Ireland. The User’s Guide describe o Samhain (que significa literalmente fin do verán, o que os celtas consideraban como o seu aninovo, unha das catro festas estacionais do calendario pagán, xunto con Beltain, Lugnasadh e Imbolg) como un tempo no que se creía que os espíritus do Outro Mundo ficaban ceibes e vagaban pola Terra. Tamén nos fala do costume dos Fomoriáns (un dos pobos míticos das lendas irlandesas, piratas xigantes procedentes de Escandinavia) de recoller impostos relixiosos nesta época e que os que non pagaban recibían como castigo danos nas súas propiedades (de aí viría o trick or treat dos meninos polas portas, tal como nos amosan as películas). En tanto que festival do fin de verán celta envolvía rituais de fertilidade (imersión das mulleres en auga e posterior paso encol do lume) e sacrificios (algúns din que os impostos que se recollían eran os nenos recén nados). Ademais os deuses volvíanse sexualmente activos tanto coas deusas como coas mulleres mortais.

Charles Squire tamén apunta (en Celtic Myths and Legends) que era unha festa especialmente axeitada para os ritos adivinatorios e que medraban a forza dos deuses da escuridade, do inverno e do Inframundo, ao tempo que minguaba o poder do Sol. Tamén é salientable que nas lendas irlandesas moitas batallas e sucesos importante teñen lugar nesta data do ano.

A cuestión dos disfraces, basica nas formas modernas de celebrar o Hallowe’en, terían a súa explicación segundo algúns estudosos en que ao poder viren os mortos a este mundo en forma de animais, unha forma de evitar o mal que puideran facer aos vivos era disfrazarse tamén de animais e así pasar desapercibidos diante deles. É así sería como esta tamén chamada festa do deus Cerne (ou Cernos), na que os mortos camiñaban entre nós e se facían visibles, deu orixe a esa peculiar tradición pseudo-carnavalesca.

Tamén os escoceses celebran tradicionalmente esta data e mesmo teñen un demo especial que sae durante esta noite, o Samhanach. Na Illa de Man chaman a esta festa Sauin e os galeses Nos Galan-gaeof. Así que é común a practicamente todos os pobos celtas antes da popularización mundial vía EE.UU.

De aí, tendo en conta a histórica relación que nos vencella a galegos e irlandeses, a reivindicar a festa como pagana e ancestralmente galega, pouco treito vos hai. Aínda que as trazas desta posible antiga tradición galega son moi escasas, como é lóxico nun país que foi tan fondamente romanizado e cristianizado, algunhas pode haber: como o refrán ACando Santos remata, o inverno empeza, que sinalaría a importancia da data no calendario das dúas estacións tradicionais. Ou cómo non lembrar a Estadea (ou Santa Compaña), un dos mitos galegos máis importantes relacionado cos mortos, que seica que cando se aparece fóra da Noite de Defuntos é porque ven buscar a algún vivo para levalo ao Outro Mundo.

A presenza dos mortos, tan extendida na antropoloxía galega, o xeito antigo de festexar as mortes como un retorno a casa das almas, as procesións nocturnas con velas lembrando aos mortos, e outras costumes achan correspondencia clara nos demais países celtas. ¿Por que non tamén o podía ter esta tradición do Samhain?

Para saber máis:

  • O Halloween, artigo da revista Nova Fantasía, reproducido no webzine Synapsis.
  • Galiza Celta, os artigos de Fuco Soler.



Deixar resposta