Texto enviado por Fillos de Galicia ao congreso “Emigración e Mundo Rural” celebrado en Barcelona en Xuño de 2001.
No noso contacto diario a través de Internet coa comunidade galega do
exterior (especialmente cos descendentes dos galegos que emigraron en diversas
épocas) podémonos facer unha idea dos temas relacionados con Galicia
que maior interese despertan neles segundo a zona do mundo na que se encontran.
Se ben os temas que podemos englobar dentro da denominación de “socio-culturais”
(como a aprendizaxe da lingua dos seus pais, o significado dos seus apelidos,
o contacto coas súas familias en Galicia, etc.) resultan ser igual de
recorrentes nas mensaxes que nos chegan desde todas partes do mundo, hai un
tema que destaca de forma moi intensa entre as peticións chegadas de
Hispanoamérica: a posibilidade de facer o camiño de volta
dos seus pais ou avós… o que chamamos “o Retorno”.
A situación tense invertido respecto a outras épocas nas que
a fame facía fuxir aos galegos cara ás “terras de promisión”
de América: agora son os da outra beira do Atlántico os
que tratan desesperadamente de emigrar á Europa. E os fillos
e netos daqueles galegos que marcharon non son unha excepción. Se cadra,
ao teren unhas raíces culturais fortemente vencelladas cunha parte especial
desa Europa soñada, son os primeiros en plantexarse esta solución.
Avelino García, vicepresidente do Colexio Santiago
Apóstol de Buenos Aires comentaba na Voz
de Galicia en Xullo do ano pasado que se ao descendente de galegos
asentado en Buenos Aires lle daban a opción de “regresar”
a Galicia, aceptaría nun 90% dos casos. E o que nós percibimos
a través das mensaxes chegadas ás nosas páxinas en Internet
concorda con esa opinión.
A Xunta decidiuse a poñer en marcha oficinas nas principais “cidades
galegas” de América para informar e axudar a toda esta xente
e evitar as alarmantes colas que se viñan producindo diante de determinados
consulados e embaixadas. …Ou polo menos iso contan, porque o que nós
apreciamos é que a información non chega a eles
e seguen a demandar a través de Internet informacións sobre o
mercado laboral en Galicia, sobre a posibilidade de facerse coa nacionalidade
española, os procedementos burocráticos para obter permisos de
traballo, as axudas de que dispoñen para retornar, etc. etc. ¿A
Xunta está realmente a facer algo por nós, os fillos dos emigrantes?
Se é así, a información non chega aos seus destinatarios,
e así esas supostas axudas quedan inutilizadas.
Noutras ocasións os fillos dos galegos encóntranse coa problemática
da obtención da nacionalidade española. Resúltalles
doloroso que un arxentino descendente de italianos o teña máis
fácil para obter a nacionalidade italiana e vir traballar a Galicia como
“comunitario” que un fillo de galegos, por culpa dunha lexislación
española que pon demasiadas trabas no tema da “recuperación”
da nacionalidade. Reclaman o seu dereito a ser legalmente españois
en virtude dunha aplicación irrestricta do “ius sanguinis”,
sen límites de idade e sen distinción de vía paterna ou
materna.
Nós, os fillos da emigración, pedimos que a débeda
que ten Galicia connosco se empece a pagar xa, porque a situación
é verdadeiramente de emerxencia en moitos dos países de Hispanoamérica
onde vivimos. Pero non queremos pedir esmola: sabemos que temos moito
que aportar á economía galega: a nosa formación
permítenos en moitos casos desempeñar funcións profisionais
de alto nivel, pero aínda así hai moitos entre nós que
están interesados en vir cubrir o baleiro que está quedando
no campo galego.
Chégannos noticias da falta de man de obra agrícola e
gandeira en Galicia, do despoboamento progresivo das aldeas,
das explotacións agrarias esmorecentes, do envellecemento
da poboación rural… e que, a falta doutras ideas, se ten que
recurrir a inmigrantes e temporeiros de fóra para que o campo galego
non deixe de producir. Non temos nada contra os traballadores magrebíes
en Galicia, por exemplo, e estamos a favor da súa integración,
pero dóenos non ser considerados nós para eses traballos que se
lles dan a eles. Cando os fillos e netos dos galegos esmorecen no desemprego
en Arxentina ou en Brasil, ¿por que volverlles a espalda e ir buscar
a outros países as mans que labren Galicia? ¿A integración
dun fillo de galegos, que ten mamado o amor por esa terra, por eses montes e
esas vacas, non ha resultar máis doada ca dun traballador alleo por completo
á fala, á historia, á forma de vida galegas?
As portas de Galicia teñen que se abrir nos dous sentidos: cando existía
excedente de man de obra, as portas abríronse cara a fóra e moitos
galegos e galegas deixaron o campo en procura doutros traballos alén
da súa terra. Agora prodúcese un baleiro e aqueles continxentes
de forza laboral deben poder volver a ocupar o lugar que lles corresponde. A
maioría están vellos de máis para volver a dobrar o aramio
encol da terra, pero os seus fillos e netos son man de obra fresca e disposta
a tomar o relevo, a reanudar esa vinculación histórica
dos seus devanceiros coa terra, cumprindo así o soño
paterno do Retorno… Así que agora as portas deben de se abrir para
dentro e que o círculo se peche de volta. Estamos nun mundo no que xa
non hai portas para o capital… non se entende por qué as hai nembargantes
para a forza de traballo, sobre todo cando ten as súas raíces
en Galicia. Practicamente a metade dos agricultores galegos teñen máis
de 50 anos… cando esta xente se retire ¿quen ha traballar a terra en
Galicia? Decidilo é obriga do conxunto da sociedade galega. Como di Ramón
Maceiras, resulta chocante que Galicia teña taxas negativas
de crecemento demográfico cando hai miles de galegos novos polo mundo
que poden revitalizar o país e enriquecelo coas súas experiencias
culturais dos países onde naceron.
Polo tanto reclamamos as modificacións lexislativas
necesarias para facilitar a recuperación da nacionalidade española
por parte dos descendentes de galegos, un plan de promoción do
emprego rural especialmente destinado a acoller ao inmigrantes de ascendencia
galega e integralos nos sectores productivos gandeiro e agrícola de Galicia,
e tamén nos novos xacementos de emprego rural, así como un plan
de apoio á adquisición, mellora e alugueiro de vivenda rural;
todo como parte dun plan marco para o Retorno de emigrantes
galegos e as súas descendencias e para a súa integración
socio-laboral en Galicia que forme parte dunha política económica
global destinada a crear a medio prazo as condicións que permitan este
Retorno. Reclamamos en definitiva que se dea comezo a un proceso político,
social e económico que salde a débeda que Galicia ten coa emigración.
Somos fillos de labregos, e a terra que regaron os nosos pais co seu suor está
seca e chamando por nós. Deixade que acudamos á súa chamada.
























