volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(11-11-2004)

Cabodano

Pasado mañá cúmprense dous anos daquelo, xa saben, o do barco. Aínda que non se acordaran, xa caerán porque os medios de comunicación adoran os aniversarios. Escoitei en Radio Coruña hoxe -para vostedes onte- unha enquisa ó persoal sobre que recordos tiña da catástrofe, e penso que esa é a mellor maneira de celebralo, poñernos no que sentimos entón. Porque do Prestige, con tanto rebumbio que se armou daquela, parece que en vez do segundo cabodano, cúmprese o décimo.

Porque nestes últimos días tiven que oír, por razóns profesionais, cada cousa que me fixo dubidar se naquela loucura que comezou un 13 de novembro, eu estaba aquí ou nun convento de clausura. Nunca máis próximo me sentín a aqueles replicantes de Blade Runner que non sabían se os seus recordos eran propios ou implantados. Escoitar, por exemplo, que as autoridades, centrais, autonómicas e bastantes municipais, estánlles eternamente agradecidos ós voluntarios. Deber, deberían, porque aínda ninguén botou contas de cantos cartos lle aforraron á Facenda pública, traballando de balde, pola comida (que tampouco pagaba o Estado), un total de 353.556 xornadas de traballo, cen mil máis das que fixeron os militares. Tiven que facer un esforzo e rebuscar no fondo da memoria que ós que primeiro chegaron, para ter que apañar o chapapote coas mans, botáronos axiña das praias, e máis tarde, en canto poideron, dos concellos.

Tamén me dixeron –penso que ata con sinceridade- que a descoordinación que houbo foi inicial, e ata certo punto razoable. Desde logo, polo que recordo, o que había inicialmente era un completo caos, algo perfectamente razoable porque non había plan ningún. En canto a como se foi desenvolvendo despois o traballo contra o fuel, aínda conservo un estremecedor relato dun contratado por unha das empresas de limpeza: case cinco páxinas contando como saían da Coruña cara Carnota en buses ás sete da mañá para volver ás once da noite, como tiñan que transportar maquinaria pesada a brazo por entre as penas, que logo non funcionaba (ou que previamente non funcionaba, pero tiñan que cargala igual para que servira de atrezzo por se pasaba algunha autoridade de inspección) e como trataban aínda peor a algúns que eran xitanos ou inmigrantes.

En canto a se agora hai medios bastantes para evitar que se repita un desastre así, menos os rabudos de sempre, todos (os que siguen onde antes e os que están agora en vez dos de antes) aseguran que estamos moito mellor do que estabamos. Aínda que eu non vexo remolcador novo ningún, e os que estaban siguen onde estaban, eles saberán. Pero o que sabemos vostedes e eu é que, de momento, a única medida adoptada foi botar a parte dos que xestionaron a crise, pero eso foi cousa do electorado, non dos gobernos.

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos