|
Non hai maneira
Veño de Compostela autenticamente arrepiado. Aquí está en marcha un proceso máis que perigoso. Un ano de cañoneo oficial e mediático con que Nunca Máis é unha minoría de desafectos adictos ó botellón no tempo libre que lles deixa andar pedichando subvencións. Meses de probas facilitadas polos gabinetes de prensa de que está todo resolto e hixiénico como unha patena. Unha semana neta de bombardeo institucional intensivo coa mesma matraca. E van máis de cen mil tozudos (perdoen o castelanismo, pero hai que ser tozudo) e teiman que non. Así, en xeral.
Que unha protesta contra un problema máis que solucionado dea xuntado no sempre incómodo Santiago máis xente que os fuegos do Apóstol xa é preocupante de seu. Porque este tipo de celebracións envalentona ós participantes, que comproban como amigos da infancia ou xente teoricamente respectable, ós que nunca imaxinarían significándose deste xeito, portan pancartas ou corean slogans sedicentes. Aínda máis, promove unha euforia disolvente xeneralizada. Por moito que os elementos máis razoables esgriman como disculpa que eles non pensaban asistir, pero que se sentiron obrigados polo tono das declaracións –sensatas, pero quizais un chisco contundentes- dos eficaces xestores da crise.
Pero o máis estarrecedor son os responsables, os autores intelectuais, que diría a Audiencia Nacional. Arriscando a miña imparcialidade e credibilidade, ó prezo de colocarme unha pegatina sectaria no peito, comprobei quen eran os que organizaron alevosamente (a peito descuberto, nunha céntrica cafetería) o acto de Santiago: un xoven escritor promocionado pola camarilla de sempre, unha actriz popular gracias á oportunidade que lle concedeu a televisión institucional, un deputado nacionalista de perfil baixo, unha autodenominada cantante e un actor de moda deficientemente rasurado. En pouco máis de media hora argallaron o acto, baseado na participación dos seus amigolos, na utilización como compañeiros de viaxe de dirixentes mariñeiros ansiosos de celebridade e na hábil e sibilina ausencia dos líderes da formación que manipula todo o tinglado. Hai que ter cara.
Que haxa cen mil e moito pico de destemidos ós que non lles importa o inferno de tentar estacionar e comer en Santiago pode ser, con todo, unha anécdota. Ganas de saír nos tres planos que botan na televisión no tempo que deixan libre noticias tan importantes como a previa do partido contra Noruega. O malo é a incomprensible e servil actitude dos que quedan na casa. Eses que consideran a Nunca Máis como a ¡institución! máis fiable de Galicia. Incriblemente, por riba de organismos milenarios como a Iglesia e a Justicia, de Administracións modelo de eficacia como as nosas, a desagradecida sociedade considera máis fiables a uns ociosos que se xuntan nunha cafetería.
A única explicación posible é aquela consideración de Nietzsche de que alí onde hai un pobo, este resiste ó Estado. Hai que poñer remedio. Quitarlle ó tal Nietzshe ás subvencións.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|