|
Hoxe
Hoxe, hai un ano, pola mañá non había outra preocupación colectiva que vai un aire do demo. Tanto que a primeira hora da tarde, unha grúa mal amarrada pero con todos os permisos legais caerá riba de dúas señoras que estaban vendo a televisión. Ó tempo, saberáse dun petroleiro cunha pequena rotura no casco. Mañá pola mañá, a conmoción xeral seguirá sendo a traxedia das dúas velliñas que morreron por ter mal distribuido o cuarto de estar, co sofá contra a galería, xa que a grúa cumpría todos os preceptos municipais.
Pero segundo avanza o día, avanza o mosqueo co petroleiro. Mentres oficialmente está todo controlado e o barco a 27 millas da costa, a xente de Muxía xura que o ve desde as ventás. De aí en diante, a realidade colle vuelo e a información oficial vai detrás, perdendo os folgos. Pero nesta ocasión a carreira transmítese en directo. O chapapote chega antes que as notas oficiais que o negan. Así que se prende a máquina de botar as culpas. Primeiro a Gibraltar. Despois ó capitán. Paralelamente, ó insensible e descarnado capitalismo petroleiro. Afortunadamente, todo se amañará quitando da vista ese incordio. “Retírese y cierre la puerta, mengano”. Todo a cargo do Delegado do Goberno, que o fai tan ben, flanqueado por dous señores calados que dan consellos. O resto das autoridades non asoman o fuciño. Ata Fraga, que sempre chega ós sitios antes de que pasen as cousas, tarda oito días en dar sinais de vida.
A realidade teima en manter varias cabezas de ventaxa. Mentres a marea negra entra polos ollos e polo nariz, outra marea de trolas invade as orellas. Non haxa medo, que o fuel solidifica abaixo. Non hai marea negra. Haina pero nalgunhas zonas. Está todo controlado e hai medios de sobra. Non viña mal unha man, se insisten. Esto non pasa de Arousa para abaixo. Se pasa, está todo previsto. Pasou o que pasou. O barco afundido non verte. Verte, pero uns hilillos desganados. Como sempre, todo o mundo sabe que son mentiras, pero desta vez algúns medios fánllo saber ó seu público. A xente mosquéase, e ata Bush saúda a Nunca Máis como se fosen uns adalides anti Sadam, antes de que se descubrise que era todo unha insidia do Bloque.
E así chegaremos a hoxe. Sinceramente, eu –e supoño que moitos- xa estaba farto do tema. Pero veñen ministros a pares (Grandes festas en Fueliños de Arriba. Hoxe Cañete, a Pastor e a París de Noia. Mañá Arenas, a de Medio Ambiente e Sintonía de Vigo. Sesión vermú a cargo da Charanga da Comisión de Expertos e sardiñada animada polo coro das Confrarías de Pescadores. Dianas, alboradas e roldas de prensa) para decir que hai que mirar adiante, e de paso recordar que o fixeron quenindiola, que está todo niquelao, e que contentos estamos de ser tan eficaces. Por eso me puxen a recordar aquel día. Fágano e comprobarán que non foi así.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|