|
Cruz y Raya
Difícilmente se van poder igualar na posteridade estes días de fastos e tronío. Por se fose pouco a que cae, en vésperas da Madre de Todas las Pedidas impóñenlle –queda raro, pero o verbo é “impóñenlle”- a Gran Cruz de Isabel la Católica a Paco Vázquez. Un momento histórico que merecería ser inmortalizado, como a rendición de Breda, se a arte actual non se dedicara ás instalacións e trapalladas similares.
De feito, fóra os traxes gris marengo e azul marino-puerto-importante, a simboloxía coa obra de Velázquez é clavada. Houbo unha entrega das chaves da cidade e o gracioso recoñecemento do detalle por parte do ocupante ó ocupado. É tamén revelador o papel dos acompañantes de fondo. Un elenco de altas personalidades que, como no cadro, quedan difuminados pola importancia das lanzas. Das plumas, neste caso: Isabel San Sebastián e Alfonso Ussía. Con tal ambiente, non é de extrañar que Aznar se animase a falar de la Unidad de España. Pena de que para tan gran fin utilizase medios tan minúsculos como o de que Galicia xa non é periférica porque gracias ó Prestige descubriu as vantaxes de ter detrás a un Estado. Os primeiros días, o que descubriu Galicia é que o Estado –as administracións en xeral- non existía. O que existiu foron os voluntarios, que viñeron pola súa conta e superando os atrancos –non sei se a propósito ou por inepcia- das administracións.
Posiblemente teña razón Aznar no de que cando Galicia esqueza o Prestige, recordará o Plan Galicia. A veces teño a impresión de que a memoria política dos cidadáns é coma a dos peixes (dura uns cinco segundos, por eso hai calamares que volven picar no mesmo anzol do que acababan de zafar), pero cando sexa vello, recordarei que o Plan Galicia foi o único de infraestructuras nos que o beneficiado tivo que actuar de beneficiador. O Plan Galicia é que a Xunta poña catro millóns de euros e a cualificación europea de sitio menesteroso para que veñan cartos da UE a facer un buque oceanográfico que terá base en Cataluña. Como non hai un Plan Cataluña, a Generalitat non ten que vender as Ramblas para cofinanciar o AVE, e como non hai Plan Madrid, tampouco teñen que deixar edificar nos bulevares da Castellana para axudar a que se constrúa a M-50 ou se amplíe o aeroporto de Barajas. Non sei se paga a pena deixar de ser periféricos para convertirse en patéticos.
Claro que tampouco hai que se poñer tan serios. Podemos ver o Acto da Moncloa, con eses diálogos tan rimbombantes, en clave Cruz y Raya, o dúo presuntamente cómico do moreno graciosete e o rubito insoportable (aínda que a parte Raya acáelle máis ben ó desenfadado humor do que fai gala últimamente Fraga). Ou podemos pensar que o Goberno, nesa decidida actitud de conquistar o futuro coa vista posta nos Reis Católicos, pretende devolver a Gran Cruz á súa orixe: premiar os méritos acreditados nas colonias.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|