|
E ¿o remolcador?
Se hai un momento en que compadezo ós políticos é cando hai que debater eses Presupuestos Generales del Estado. Non dou gobernado nin entendido demasiado os particulares meus, para canto máis os Generales e do Estado. É certo que buscaron estar onde están, pero mentres ós economistas supónselles vocación polos números, ós políticos as cifras véñenlle aparelladas pola súa vocación de amañar o mundo ó seu xeito. Así que non tiña pensado terciar nese fundamental asunto de onde meten o que nos sacan, ou poñen o que nos quitan. Sobre todo porque non entendo como poden suscitar titulares e reaccións tan distintas coas mesmas cifras. Ata que vin a miña oportunidade: ¿onde está o remolcador?
Porque que haxa baile de cifras e porcentaxes, discusións sobre se hai tratos xenerosos ou agravios absolutos e comparativos, entra dentro do normal. Se nos dan máis do habitual, é normal que uns se feliciten e outros se pregunten porque antes non deron. E se nos dan menos, uns poden argumentar que dan o de sempre, e os outros, o mesmo. Ademais, os papeis, por moito que sexan os dos Presupuestos, teñen conta do que lle poñen, e para que imos discutir se despois non se fai o que poñen. Ata a Constitución pon algo do dereito a un traballo e unha vivenda dignos. A maiores, non sei porque ten que ser máis grave incumprir o escrito que o dito.
Pero o do remolcador non é o mesmo. A política oficial do Estado desde hai anos é que, como os desastres marítimos de importancia son escasos e imprevisibles, para qué ter remolcadores axeitados, que son caros, cando se poden contratar. Curiosamente este razoamento non se aplica a algo de utilización máis improbable e ben máis caro de manter como un exército. Os resultados desta política pro aforro víronse dentro dun mes hai un ano, primeiro na costa de Muxía e logo no resto. Desde entón, de palabra puxéronse en marcha unha chea de miles de millóns, que non distingo, insisto, se son moitos, poucos ou os necesarios. Pero levamos once meses sen remolcador á vista. (Tampouco sen o famoso parador na Costa da Morte, pero polo turismo visto este verán, non corre tanta présa).
Agora lin que si, que o ano que vén licitarase e o seguinte botarase, aínda que non lin nada de cartos. Se resulta que si, en total tres anos, e malo será que pase algo, que os barcos estámpanse de dez en dez anos. Se resulta que non, para a próxima vez xa estaremos preparados porque en Madrid teñen un galpón de 2.000 metrazos cadrados para almacenar material anticontaminante, e os técnicos recibiron un cursiño de dez días. Aquí non se improvisa nada. Así seguimos sen remolcador.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|