|
Nunca Máis Inc.
Xa saberán, por moito que tampouco se campaneou demasiado, que o piloto Fernando Alonso tiña pensado colocar no seu casco unha pegata de Nunca Máis na carreira do Gran Premio dos Estados Unidos. "Me dio el punto a mí. Tengo un amigo que es gallego, que en todos los mensajes que me envía firma 'Nunca Máis', por lo que le dije que me mandara una pegatina. Las playas siguen estando mal en toda la costa, y aunque no se hable ya casi nada del 'Prestige' todo continúa igual". Tamén estarán ó tanto que finalmente non a colocou "porque podía dar lugar a interpretaciones políticas y a mí la política ni me va ni me viene". Un cuñado meu que sabe disto díxome que seguro que non a puxo porque o debeu advertir das consecuencias o seu xefe, o director da escudería Renault, Flavio Briatore, íntimo amigo de Alejandro Agag, o xenro de Aznar.
Fose quen fose (o amigo galego que o tentou ou o aconsellador apolítico que o avisou), o revelador do asunto non é a conciencia ou inconsciencia solidaria do piloto. O cuñado experto que me descubriu a conexión Agag-Briatore non me ilustrou sobre cal pode ser a tarifa publicitaria dos aproximadamente 105x75 milímetros da pegatina Nunca Máis no casco dunha emerxente figura de fórmula 1 (de seguro que máis que o pastón que paga o Xacobeo 2004 por patrocinar eventos deportivos de medio pelo). Tampouco sei o que custarían os 30x20 milímetros da insignia que levaba Luis Tosar cando recolleu a Concha de Plata ó mellor actor do Festival de San Sebastián, porque non estou ó tanto do que pagan as marcas esas que saen como non quere a cousa, de tapadillo, nas teleseries.
O revelador é a potencia da marca NM, agora que, como di o piloto inconstante e os que glosan as enquisas do CIS, a ninguén lle preocupa o Prestige. Parece que hai un espelido industrial asturiano que pensa poñer no mercado unha cervexa Nunca Máis, e as tendas de souvenirs de toda Galicia, sempre precarias en deseños impactantes, están cheas de imitacións da simboloxía negriazul. Calquera empresa ou institución daríase cun canto nos dentes por aproveitar ese río de cartos (Pepsi Cola chegou a considerar rexistrar o color azul característico da súa imaxe corporativa). Nunca Máis, que tivo a fiscalía xeral do Estado no lombo investigando as súas contas, di que o que lle interesa é a difusión da protesta, non facer caixa. (No de preferir a extensión ilegal á intensidade legal houbo un precedente, o Pelegrín do Xacobeo 93, que podías reproducir onde te petara sen pedir permiso ningún).
Nestes tempos de elevación ós altares de emprendedores e líderes da eficacia, tarda que alguén faga un paralelismo entre a falta de capacidade da oposición e a inxenuidade de NM en xestionar o seu éxito. Pois tampouco é unha acción de goberno especialmente brillante ter que chamar ó xenro para ver se intercede cun amigo para meter en cintura a un empregado.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|