|
Onde non hai, non saches
Xa se sabe que o verán é época pouco propicia para o rigor informativo, (aínda que pasamos un inverno quepaqué). Que o que o meu colega Hermida chama “periodismo débil” se converte en xornalismo suflé, e mesmo os medios serios collen vocación de guías do ocio. Que este é o tempo en que agroman esas noticias sustentadas en confusas investigacións levadas a cabo en remotas universidades peruanas ou eses informes que aseguran que o cu de cervexa que se deixa nas cañas suman X millóns de hectolitros ó ano. Pero a que viña estes días camuflada no espacio que deixan libre Beckam e os Giles é de non dar crédito, se non viñera certificada polo Instituto Nacional de Estadística: máis da metade das empresas españolas non teñen empregados.
Están rexistradas nada menos que 2.813.159 empresas activas, que veñen sendo unha por cada 14 cidadáns. Claro que hai que descontar moito bar familiar, pequeno comercio ídem, taxistas,... Tamén que gracias ó estado do benestar, en moitos sitios non che dan un posto de traballo se non te fas autónomo, e noutros directamente non che fan contrato ningún. Pero aínda así, resulta que descontando Telefónica, Renfe e os bancos, as clases pasivas e os rapaces, saímos a empresa por cabeza. Tanto como custou crear o mito da empresa como motor económico, do empresario como forxador do tecido laboral, e resulta que o verdadeiro arquetipo empresarial de hoxe non é Henry Ford nin Amancio Ortega, senón Juan Palomo. Tanta loita abnegada para impoñer a libre empresa, e resulta que o de “libre” era no outro sentido que ten en galego: sen ocupar, baleira.
Este fenómeno do todo que resulta ser nada debeu ser o que experimentou tamén aquí o chapapote. De ser todo, unha catástrofe da que tiñan a culpa outros, pasou a non ser nada. A afluencia turística está que rebenta, o mar está como unha patena por riba e por baixo, o pecio perdeu aqueles folgos secretores, o fuel das praias é o que botan os desaprehensivos de sempre, a Fundación Arao está desesperada porque non se lle ocurre onde meter os cartos que apañou... mesmo o coadministrador do Plan Galicia, o conselleiro de Política Territorial, garante que os efectos psicolóxicos do Prestige está rematados.
Menos mal que Aznar está de vacacións, absorto entre chapuzarse alternativamente no mar e nese libro que levou do ex dirixente do GRAPO Pío Moa que asegura que a Guerra Civil non foi para tanto, e que o que foi, foi culpa do Goberno (do da República). Se estivera máis atento, seguro que chega á conclusión de que para qué dilapidar miles de millóns no Plan Galicia, podendo botar prozac nos depósitos da auga.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|