|
Anunciado en TV
Á espera de que as cifras e as notas oficiais nos tranquilicen en informes xa cociñados, cos datos crus dá a impresión que neste verán post Prestige o turismo está de capa caída. Esa é a conclusión que se tira de feitos como que hai habitacións e mesas a escoller nos sitios onde outros anos che preguntaban ¿cómo di?, ¿para hoxe? entre sorprendidos e irónicos, cando chamabas para reservar.
Non falo deses lugares tipo “la Marbella gallega” ou “el Sitges de la Costa da Vela”, que máis cheos estarían se máis sitio houbera, como a magnitude dos pufos dos clubs de fútbol. Falo deses outros onde os veraneantes son un recurso habitual pero complementario. De seguro que a caída da afluencia foránea na costa norte no ten relación ningunha cos efectos xa eliminados do Prestige (se un turista se mancha de chapapote é porque está xa aquí). Pero paréceme radicalmente errada a estratexia turística de “aquí no pasa nada y está todo igual que siempre, la armonía del paisaje y la alegría de sus gentes”.
Non darlle á xente o que viu pola televisión non deixa de ser publicidade enganosa. É como se as autoridades neoiorquinas se fartasen a decir que xa estaba todo amañado e na zona cero non quedase chisco tráxico que ver. Pola contra habería que sacar partido a ese efecto que eu chamo anunciado en televisión.
Por exemplo, unha campaña tipo “Visite Muxía, ambiente voluntario”. Posiblemente sexa difícil que tragaran de novo os orixinais, pero tampouco hai que ser tan estricto. Pódenselle dar a ganar uns cartiños ós fillos dos emigrantes que volven polas festas, acampalos na lonxa, darlles a funda branca e esixirlles que se apliquen a falar cos acentos dos lugares de residencia habitual. O turista participativo pode apuntarse a unha operación de limpeza, coreográfica ou real dependendo do que traian ou non os ventos e as mareas. Por un suplemento, pode tocar a sirena da lonxa, coordinar a loxística de medios humanos e materiais, e mesmo manter un debate coas autoridades... esto... competentes.
Ou outra tal que “Ven a Vigo e seremos moitos”, (ou máis ó gusto do alcalde, “Come to Vigo, the bigger riots”/ “Ven a Vigo y manifiéstate”). Organizar unhas manis polo casco vello, que quedarán máis lucidas, desde esa rúa cunha pancarta municipal que pon “Octopussy zone” ata o sitio das ostras na Pedra. E por suposto, para grupos selectos, unha visita á Torre de Control da Coruña, incluída a habitual sesión informativa en PowerPoint a cargo da Comisión Delegada, e a posibilidade de facerse unha foto (amañada en PhotoShop) participando na propia Comisión á beira de Martín Villa.
Se me fan caso, xa verán como se acaban eses problemas de que facer cos cartos da Fundación Arao ou que iniciativas peregrinas acoller baixo o paraugas do Plan Galicia.
|