|
6 meses
Onte fixo medio ano do Prestige. Fun (mandáronme) a Muxía, e agardaba coincidir cunha chea de colegas, tal e como funciona a axenda de traballo dos medios, sobre todo cando se daba esa conxunción astral de martes bis trece bis. Pois nada, por primeira vez desde que acordo, no Coído non había ninguén. La playa estaba desierta/el mar bañaba tu piel, como cantaban Los Payos (¿ou Fórmula V?).
Pouco antes do mediodía, os únicos fotografiables eran media ducia de operarios armados con hidrolanzas ou chafarises a presión, limpando unhas pedras na praia da Cruz, á entrada da vila. Chamáronme a atención as escorras do fuel arrincado polos chorros, que facían un regueiro ata o mar, pasando olimpicamente das lonas destinadas a recollelas. Eu chamei a atención do consabido xubilado que supervisa calquera tipo de obras pública.
-Cuidado con lo que informa, el chapapote no llegó hasta ahí arriba –espetoume.
-Pois eses que botan auga non deben de estar ó tanto dese detalle –quíxenme facer o simpático.
-Esos señores están trabajando –contestou cun tono que evidenciou o meu fracaso.
-Xa, pois dígallo a eles –tentei cortar.
-¡Lo único que quieren es joder a este pueblo!, ¡Vuélvase a su tierra! –quedou berrando mentres me abría.
O porto estaba despoboado. Na lonxa, a sirena que soa ó mediodía de todos os días 13 para recordar o desastre, tocárona ás 11,45. Ás 12 tiñan que estar noutro lado, xustificaron o adianto os dous únicos traballadores que había na confraría (dos 246 mariñeiros censados, 110 están a traballar e o resto non). Logo apareceron dous colegas de cadansúa televisión e tocaron a outra vez a sirena para eles. Polo Coído apareceu tamén un xornalista dunha radio alemana, desesperado porque non daba falado coa alcalde.
A primeira conclusión é que ser obxecto do interese dos medios de comunicación é como as visitas ou o peixe: ó primeiro moi ben pero acaba cheirando. Tamén ós grandes partidos políticos lles interesa que o tratamento informativo da campaña electoral se centre nas cuestións e nos candidatos municipais. Logo, cando desembarcan os grandes líderes, non fan máis que falar do Prestige.
A segunda é que o interese dos medios de comunicación sobre os problemas non depende de que estean resoltos ou non, senón de se toca ou non. Véxase o caso anterior e o de Irak. Aquelo está como un pandeiro, os virreis duran menos que os adestradores no Rayo Vallecano e o botín que nos tocou alí vén sendo como Albacete, pero en grande e en máis quente (co que o continxente da Garda Civil que destaquemos alí poderá estar ás súas anchas, nunca mellor dito). Despois da guerra que fixemos para acabar co terrorismo, a ver como toca informativamente o de Arabia Saudita.
|