volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(24-02-2003)

Rodeados

¿Saben el chiste de los gallegos? Bajan 2.000 gallegos por la Gran Vía de Madrid, llorando. Va uno y les pregunta:

-¿Qué les ha pasado?

-Es que nos pegaron...

-¿Les han pegado? Serían muchos...

-Bueno, cinco.

-¿Cinco?

-Es que nos rodearon...

Hai tempo, o primeiro que che contaban ó chegar a Madrid era o puñeteiro chiste dos galegos rodeados. Onte, efectivamente, en Madrid, estabamos rodeados, pero doutro xeito.

Imaxino que os militantes e xente concienciada que vai ás manifestacións en Madrid, vai porque está de acordo coa convocatoria. Pero as ganas ou as expectativas coas que van son ben distintas. Ignoro cales eran as expectativas de onte, pero en canto ós resultados, en poucas o deberon pasar tan ben. Por un lado, polo barco, o que eu pensaba que abriría a marcha, ó que me abarloei ata que me dei conta de que había tanta manifestación por diante como por detrás.

O barco era como unha desas carrozas da Love Parade de Berlín, un artefacto móbil, un alternador de sensacións. Era curioso comprobar como polos altavoces, os discursos completamente serios dos xestores da crise producían risas. Escoitados así, emitidos desde un barco de tolos, vestidos únicamente cos seus argumentos e a súa sintaxe, sin estar arroupados polo marco institucional dos atriles e os micrófonos, parecían fragmentos de El Club de la Comedia.

Ademais, descubrín que as manifestacións en Madrid teñen moito encanto. A primeira hora da mañá, cando polas rúas soamente apatrullan paseadores de cans e joggineiros igualmente esforzados, resulta enternecedor ver á parella de galegos en Madrid (distinguibles pola súa soltura no metro, manexándose sen consultar o plano) levando os listóns de madeira para a pancarta con toda naturalidade. Ou ós xubilados en grupos de 3 ou 4, coa bandeiriña do sindicato enrollada, lixeira como un foguete das festas. Por non falar do glamour. Méteste nun bar a pillar tabaco para non manifestarte de gorrón ("caballero, ¿me vende un pitillito?", é o noso sistema de gorreo) e estás a punto de saudar a unha cara coñecida que resulta ser a de Antonio Resines.

Caras realmente coñecidas, unha chea. A pintora Menchu Lamas, o actor Carlos Blanco, o tipo que lle tirou o chapapote en Aguiño ó presidente da Deputación da Coruña, Paco Lodeiro (que coincidiu no avión co outro Paco, Vázquez, que viña a outra cousa), Jesús Caldera, que lle cedeu o paso á miña santa no corredor dos servicios dunha das paradas técnicas que houbo que facer... E tanta xente á que chamar polo móbil, ou que te chama, e non das quedado, nin antes, nin durante, nin despois. Ata que vés pola A-6, completamente arroupado por coches autoidentificados, que diría Fraga, coa pegata consabida (tan identificados que ó do meu primo Mario rompéronlle a luna traseira pola noite) e paras na área de servicio de Villacastín, e atopas ó resto dos que che faltaban.

O único malo é que agora carecemos de horizonte. ¿Cando quedamos outra vez? ¿En que esquinas imos ladrar o noso rencor?

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos