volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(27-01-2003)

Como reinas

Xa o sospeitaba, pero a actual sobredose vénmo a confirmar: gobernos e gobernados son como os matrimonios tradicionais. As relacións comezan igual, a sociedade ponse en mans dun marido dominante, ben perdidamente namorada, ben con reticencias, porque non hai outra cousa e neste caso non hai opción ó celibato. O idilio transfórmase en mera amabilidade, devala en rutina, dexenera en menosprezo e, ás veces, chega ó sadismo. Do “tratareite coma unha reina” ó “quítate de aí que non vales para nada”. O goberno non nos trata coma nenos (versión Touriño), nin coma indíxenas (segundo Anxo Quintana). Trátanos como un maltratador.

A fin de semana aznarita en Galicia obedece a ese proceso típico. Logo de armar unha, primeiro rosma, despois non aparece pola casa, e máis tarde ameaza. Finalmente, vén cun ramo de flores decindo que desta vez, en serio, heite tratar como unha reina. Que a cúpula empresarial aplauda, entra dentro da lóxica das cúpulas en xeral e das empresariais en particular. Non se chega a cúpula en concreto nin a empresario en abstracto facendo gala de espírito crítico. E ó fin e ó cabo, ata despois das guerras alguén se ten que encargar das reconstruccións.

Outras reaccións non por clásicas son máis explicables. A de Francisco Vázquez argumentando que o Goberno español, pola súa calidade de tal (¿de Goberno?, ¿de español?) ten “credibilidade total” é dunha fidelidade conmovedora. A do presidente das confrarías coruñesas, Evaristo Lareo, retrucando ós que lle reprochan que trague por cartos que “son cartos bastante importantes” é unha postura similar a das enganadas que xustifican os cornos “porque nunca me trouxo ás outras á casa”, e consecuente cunha súa declaración anterior (ó saír doutro reparto de cartos) de que “imos acabar agradecendo que houbera o naufraxio”. Un home capaz de piropear a Lina Morgan naquel programa Todos somos Galicia (pero uns máis ca outros) de Pedro Ruíz, debe ter unha fibra moral especial.

Non teño opinión formada sobre se eses millóns de euros, sexan 12.500 ou 5.500, chegan ou non. A min conmóveme particularmente a chegada do AVE a Monforte, dentro deses proxectos entre o ferroviario e o hiperespacial cos que chegarás a destino antes de dar acomodado a maleta. Pero moito me temo que o que vexamos nesta vida –o ramo de flores- será o parador da Costa da Morte. Xa fixeron o mesmo –un parador- cando asolagaron Portomarín, e logo houbo que reformalo con cartos públicos e darllo á xestión privada para conservar ducia e media de empregos. Así que é perfectamente lóxico que uns se refreguen as mans, e outros non se atrevan a asomar o fociño fóra da casa de acollida.

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos