volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(08-01-2003)

¿Qué facer?

Que facer, naturalmente, coa carta na que o PP ou o Goberno nos explicará todos os malentendidos sobre o Prestige. A verdade é que a carta famosa está sendo unha pesadez para todos, tanto para os que a están redactando (que pouca pena me dan, porque ben que cobrarán) como para os que a recibiremos. De feito, os receptores tamén cavilamos a esgalla, se queremos recibila como se merece.

Certo que hai quen non quere recibila de ningún xeito. Nos primeiros momentos que se soubo da intención epistolar do Goberno/PP, atopeime na taquilla dun cine de Vigo cunha amiga de Monforte (vexan o cosmopolitismo que nos invade) que propoñía argallar un listado de xente que lle comunique oficialmente ó Goberno que non queremos que nos envíe ningún tipo de carta. A maiores, contesteille, habería que preguntarlles como é que teñen as nosas señas, aínda que sexa unha pregunta retórica. Por menos diso, en determinadas zonas de EEUU sacan o rifle ametrallador para defenderse das intromisións do Goberno Federal.

Hai outras propostas. Por SMS, as mensaxes dos móbiles, propuxéronme reenviar a carta manchada de chapapote (ou no seu defecto, se non teño, simplemente de negro). Por correo electrónico (vexan que postos estamos en modernidá e novas tecnoloxías), cun mesmo remitente coñecido, chegoume primeiro a iniciativa de devolver a carta acompañada dun texto redactado educadamente (como recomenda Amnistía Internacional dirixirse ós dictadores para que solten a alguén) poñendo verde ó remitente. Ós promotores (e a min) debeulles parecer unha medida excesivamente anónima, ademais dun gasto e un traballo inútil, polo que nun segundo email recomendaban conter o impulso de botar á papeleira a misiva de marras, e darlla ós de Nunca Máis para encher sacos e facer envíos máis aparentes.

A min particularmente, gustaríame repetir aquelo que facían contra os contestatarios contra guerra do Vietnam, que queimaban publicamente as notificacións de alistamento. Non se alteren, nada radical, uns bidonciños permanentes, tipo chama da liberdade de María Pita. Pois así estamos os tontos útiles e compañeiros de viaxe manipulados por Nunca Máis, roendo a cabeza, cando vexo un teletipo no que Arenas, suposto remitente da carta e presunto destinatario das respostas, aclara que el non anunciara "una campaña de buzoneo, sino de comunicación directa con los ciudadanos". Polo que parece, ou van petar na porta da casa, ou chamarte por teléfono, ou asaltarte pola rúa para explicar en directo e cara a cara o ben que o fixeron. Eso si, agardarán, segundo dixo, "hasta que no se haya realizado lo más importante". Ou sexa, que van dar a cara, pero a modo, que é a maneira de conservala.

 

 

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos