volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(06-01-2003)

Ceridos Relles Magos

Algo non funciona. O mellor do día de hoxe era erguerse e comprobar canto nos apreciaban os Reis, dentro das súas posibilidades. E logo, a media mañá, saír a pasear e ensinarlle ó mundo enteiro esas mostras de recoñecemento recibidas. Pois nós fomos unos gallegos buenos, buesnismos, votamos a quen debiamos, e ¿que recibimos dos que antes se chamaban os nosos maiores?: chapapote a esgalla e unha chea de menosprecio e displicencia (nenos e nenas: mirade no diccionario e comprobaredes que non é un xogo tipo “Dragones y mazmorras”).

E non soamente a nós, que ó mellor fomos algo rabudos o ano pasado, e mesmo os anteriores. Incluso o neno Manolo Fraga, que dixo que estas eran das peores Navidades da súa vida e pediu un paquete (de medidas) que lle permitiran retirarse (aí penso que se pasou) con dignidade ¿que lle trouxo o rei Baltaznar?: medidas de segunda man, xa comprometidas de antes. Como quen promete a pleiestenxionchú e logo trae unha pleiguán cunha memoricard para dar o pego. Unha situación que me recorda a canción que canta Guille, un colega do meu pequeno, con música de Jingle Bells: “Santa Claus, Santa Claus/ viejo desgraciao/ m´has traído los regalos/ del año pasao”.

Quizais sexa tamén problema do neno Manolo, por pedir tanto a quen está afeito a contentalo con ben pouco. Se eu puidera ter escrito a súa carta ós Reis, pediría, de entrada, unha axenda como a do ano pasado (a capacidade que tiña de organizala como quería) e o respecto de sempre, que xa non gardan nin os públicos de Riazor e Luar, habrase visto. E se non fose moito, un action man Sucesor que puxera o peito cando veñen mal dadas. Para o neno Paco (Álvarez Cascos), un Lego petrolero, coa colección de remolcadores completa. Para o infante Jau MeMatas unha cinta-casete con La Canción de los Pajaritos (para o que vai durar, vai que se Matas) e para o outro infante (de marina) Fede Trillo, un kit cunha completa revisión en Lázaro Ópticos, unha gamuza de limpar as gafas e uns prismáticos (deses dos excedentes da Armada). Para o cadete Mariano, o equipo de portavoz da señorita Pepis, incluído o micrófono máxico Donde dije Digo.

Pode ser que os Reis xa non son o que eran. Nin o de Marrocos asume o papel de malo que tiña asignado. Se está de acordo, vaia esta tarde a Vigo, en corpo ou de corazón. Alí, milleiros de nenos sairán a pasear para mostrar o seu autorrecoñecemento e reclamar que os Reis, se é que existen, non nos volvan tangar nunca máis. (E falando de cartas, ¿para cando a da explicación do Prestige?)

 

 

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos