|
Almendros
Xa estamos a 2003, como poden comprobar
mirando aquí no cimo, enriba do meu careto. Entre as arelas
que arrastro do ano pasado, está a da prometida carta do
Goberno ou do PP, non sei, explicando o do Prestige. Veño
de mirar no buzón, e nada, dígolle á miña
santa, e ela aclárame que aínda non a mandaron, e
mesmo está por escribir, á espera de como vaian os
acontecementos. É curioso como pensamos, sen dúbida
por un atavismo de progres trasnoitadores, que o poder téno
todo controlado, e logo resulta que está a velas vir, como
todos, rogando que escampe ou que chova.
Desculpen a miña desinformación
sobre os plans gubernamentais, pero é que levo varios días
de almendro, en ruta Galicia adiante. Por se decoñecen o
concepto, como o descoñecía eu, almendros son aqueles
que volven a casa polo nadal, como no anuncio no turrón de
marras. É curioso como as tradicións navideñas,
que pensamos arraizadas na noite dos tempos, son de como quen di
de antonte, incluida a almedradura esta.
Por exemplo, o de engulipar doce uvas
en dura competición coas doce badaladas e con seguir respirando,
vén duns viticultores espilidos que, aló por 1920,
argallaron a cousa desfacerse dos excedentes de uva. É decir,
é unha tradición que non chega a centenaria e estrictamente
local, porque en Italia, por exemplo, consideran que o propio de
fin de ano son as lentellas (imaxinen a orixe). A ver se o FROM
se move e difunde que o que dá boa-boa sorte son doce mexillóns
ou doce rabos de pulpo.
E o Nadal en si, en canto que celebración
do nacemento de Cristo, debería de ser alá por marzo,
que foi o cálculo máis exacto da data. Celebrámolo
o 24 de decembro porque un papa avisado, no século III ou
IV considerou que, postos a celebrar o cumpreanos do fundador, por
que non facelo coincidir co solsticio de inverno, que era unha festa
pagana con moita máis marcha e tradición. Ou sexa
que eses que andan a chorar pola hexemonía da árbore
importada sobre o belén castizo, non teñen razón
ningunha (sobre todo porque o belén é unha importación
de Italia do Renacemento). Por non falar dos Reis Magos, que en
orixe eran tantos como os do Comité Científico do
Prestige, ata que se decretou deixalos en tres, e logo que un fose
negro.
Ou sexa que a ver si se anima o Goberno
ou o PP en mandar a carta, que a pouco que teña éxito,
mesmo se convirte en tradición que todos os anos expliquen
epistolarmente as meteduras de pata.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|