|
Amadrileñamento
Por fin está o problema onde se
quería: fóra. Onde querían a grande política
(a que se fai mirando para os telediarios) e os grandes medios.
O fuel sigue aquí, gozando da nosa proverbial hospitalidade,
pero o Prestige, como tema, xa non.
Politicamente, a polémica está
en se debe dimitir Jesús Caldera ou non (que dimita Cascos
parece que soamente se baralla por aquí), polo decisivo asunto
se o tal documento aquel poñía ou deixaba de poñer.
Aquí están en cuestión o pan de ducias de miles
de familias e se sectores sociais ou xeográficos enteiros
levantan cabeza ou a agachan para bastantes anos. (Para non ser
demagóxicos, non periga tanto o pan, malo será que
a xente non se poda manter, senón o xamón. É
decir, a diferencia entre subsistir e vivir). Tamén hai xente
que leva un mes en guerra e algúns, días en folga
de fame, pola desidia da Administración, a mesma que en moitos
sitios vela por se os que organizan un club social ou un equipo
de fútbol son afectos ou desafectos, e obrar en consecuencia.
Pero mentres aquí se dá esa situación, alí
os señoritos que cobran dos nosos impostos póñense
de princesas do chícharo por un puto papel.
Ademais, se son devotos de determinados
oráculos de alí (e digo devotos porque soamente con
fe se pode facer caso do que eles afirman sen ver nin saber), terán
observado o seu mosqueo crecente co que pasa aquí. Por un
lado están os de mala fe, que critican nos lugareños
desde a teima en usar idioma e topónimos indíxenas
(contaxiando a algúns locutores con síndrome de Estocolmo)
ata ese descoñecido orgullo de facer as cousas por si mesmos,
inimaxinable en xentes que sempre serviron amablemente raciones
de mariscos en Sangenjo.
E desde a boa fe, tamén hai quen
non acaba de entender o desapego dos beneficiados ante iniciativas
como, por exemplo, recoller xoguetes para os fillos dos mariñeiros
(ignorantes de que os fillos da maioría dos mariñeiros
teñen, como agora todos os nenos en xeral, xoguetes seminovos
arrombados bastantes como para encher naves industriais). En palabras
de Antón Losada (e agardo non estragarlle unha columna),
soamente falta a campaña apadrine a un gallego.
Tiña pensado rematar coa profunda
reflexión de que o asunto está enmadrileñado,
o desenmadrileñador que o desenmadrileñe, bo desenmadrileñador
será. Pero seguindo co aproveitamento de ocurrencias alleas,
permítanme felicitarlles as festas co poema de palíndromos
(versos que se len o mesmo de atrás para adiante) de Gonzalo
Navaza co que felicita Edicións Xerais este ano: SOS/ no
mar do dramón/ só nós/ sos.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|