volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(18-12-2002)

Realidade e superrealidade

Estoulles sinceramente preocupado, e a ver se dou explicado por que. Está o que realmente pasa -a realidade- e o que se conta ou se pensa que pasa -a superrealidade-. O que coñecemos –no mellor dos casos- é a realidade de cada un, a que nos arrodea, pero coñecemos a dos outros, o mundo, a través de superrealidade. E sendo o normal e o desexable que vaian máis ou menos paralelas, aquí e agora lévanse a matar.

Estou, ademais de sinceramente, persoalmente preocupado. Os xornalistas somos os principais creadores de superrealidade, esas declaracións a prol da paz no mundo, eses anuncios de investimentos millonarios, eses desmentidos a acusacións sen fundamento. Por exemplo, levamos varios períodos electorais entrando superrealmente a todo meter no século XXI, e de pronto atopámonos realmente no XIX, apañando o fuel a man e transportando os capachos ó lombo. Eso sendo xeneroso, porque ter que agardar que veña o príncipe e baixe da carroza para pedir unha cinta transportadora que substitúa á cadea humana como sistema de carrexo é máis ben do XVII-XVIII. Mesmo parece máis propio do comezo dos tempos andar osmando os ventos e as correntes para ver se a cousa mellora, como se Rajoy se dedicara nas roldas de prensa a abrir en canal unha gaivota para ver o futuro nas entrañas (nas do bicho).

Na superrealidade, no do Prestige e as súas consecuencias, houbo e hai unha coordinación perfecta dentro do que cabe, e medios os que fagan falta. Na realidade, segundo os coordinados e os dotados de medios, non. Na superrealidade, o exército ten unha formidable capacidade loxística, e na realidade hai que procurarlles de comer. E ó revés, sempre pensamos superrealmente que o Estado estaba para satisfacer as demandas da sociedade e suplir as súas carencias (quitado imposibles como traballo ou vivenda para todos), e o real é que temos que depender de nós mesmos e/ou da caridade e da simpatía que espertemos por aí adiante. Póñenseme os pelos como escarpias pensando no que sucedería se esto lle pasa ós vascos.

É máis, hai un sentimento emerxente –e real- no noso espírito colectivo: ¿que van pensar de nós – superrealmente- por aí adiante? Influídos pola superrealidade, a xente de por aí anda a facer concertos solidarios, doazóns altruístas e conmovedores xestos individuais, cando realmente non se sabe que facer cos cartos, porque a xente de aquí o que quere é medios. Ou sexa que non sabemos se atermos ó realismo ou ó superrealismo, “o dictado do pensamento carente de todo control exercido pola razón e fóra de toda preocupación estética ou moral”, como o definiu o seu fundador, André Breton.

 

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos