|
Fue..el
A verdade é que hai que recoñecer
que cando a Administración se pon en marcha, é como
unha máquina de mallar. Incansable aínda que no se
mova do sitio. Por exemplo, a penas vai o mes do naufraxio do Prestige
e xa sabemos que foi Cascos quen mandou afastar de nós ese
cáliz de fuel, e mesmo veu Aznar, aínda que non estea
claro se con cartos ou sen eles.
Álvarez Cascos levaba tempo co
perfil baixo, tal e como se di agora, coma eses secundarios das
películas de John Ford que, despois de toda unha vida de
guerrear cos indios ou coa natureza, non se dan afeito á
tranquilidade e á molicie, e reviven cando lles ven o chico
con algunha misión que desempeñar. Cascos vivía
todo pancho, administrando presupostos e paleadoras, alleo ó
ardor sucesorio, e imaxino o subidón que lle deu cando tivo
que poñerse farruco, como nos vellos tempos aqueles das retransmisións
de fútbol de interese xeral, e mandar o barco ó quinto
pino. E todo para volver logo ó perfil baixo, no que nin
sirve como cabeza de turco.
En realidade, o do Prestige tivo para
o Estado un perfil baixo. De aí as alegrías venatorias
dos responsables, ou as alegrías verbais de irresponsables
como o tal Carmona, o socialista dimitido por ocurrente. Unha mostra
da baixeza do perfil é que dimitan os irresponsables e sigan
os responsables. Outra é esa sobriedade de aforrar gastos
en expertos e consultalos, como moito, por teléfono.
Pero onde máis se ve é nos
enviados políticos. Mandaron a resolver a crise a Rajoy (supoñendo
que por pontevedrés podería entender a esa xente rara
que combina votar ó PP con levantarse das patas de atrás
por unha tontería dun accidente natural), e o resultado é
que parece un tanto atenazado pola responsabilidade de perder xogando
na casa. Malogramos así a oportunidade de ver a Rato espantando
verquidos e raiantes das confrarías con contundentes datos
macroeconómicos. Ou de que Mayor Oreja, cun par de aparicións
súas con esa cara de serea gravidade e dolor íntimo
que pon, fixera comprender ós afectados que o seu (o dos
afectados), son victimismos en comparación co del. Por non
falar da irradiación de ánimo e optimismo que traería
Arenas: ¡Qué pasa, campeones, hay que dejar de
verlo todo negro!
Mesmo Aznar se comportou con humildade
franciscana, e veu aquí como quen vai ó velatorio
só a deixar a tarxeta, breve e discretamente para non molestar
ós que limpian a costa. Foi todo un detalle aforrarlles ter
que apañar de novo o chapapote que lle tiñan preparado.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|