|
Castigo divino
Temía onte a amenaza de tres pragas.
Que esto do chapapote non ía rematar nunca, que a terceira
marea negra fose inminente e que proliferasen os telemaratóns
solidarios. Foi darlle ó clic para enviar o texto e sentir
desde o cuarto de estar o reclamo conxugal: ¡Mira, Pedro
Ruiz presenta un especial sobre o Prestige!
Que tempos estes e que reclamos, como
dixo Ovidio (¿ou era Virxilio?). Non sei se viron o tal programa,
chamado Todos con Galicia, Gallegos somos todos
ou algo así. Eu debatínme entre a obriga moral de
velo para contarllelo e a necesidade física de vomitar cada
vez que tentaba cumprir coa primeira. Ó ritmo do tal reclamo
intermitente ¡Ai, mimadre, mira, por favor!-
vin que co soporte/coartada de tres afectados/solidarizados (2 asimilables
ó PP e outro que non) desfilaban apoiantes con música
ou letra. Vin a Concha Velasco, a Raphael cun vestido e co cardado
da súa muller e a Hevia. Os momentos-chapapote foron, sen
embargo, ¡¡¡Lina Morgan!!! (¡que guapa
es usted!, espetoulle o patrón maior de Caión,
lo afectado no quita lo valiente) e Juan Pardo, que elevou máis
se cabe o tono que-desgracia-pero-aquí-no pasa-nada, consecuentemente
con ter recibido das arcas autonómicas máis cartos
que os que están cobrando por xunto todos os afectados.
Saliu, eso si, Imanol Arias facendo de
señor Alcántara, pedindo libertade de expresión,
pero para agora. A intervención de Arias-Alcántara
e a presumible chea de chamadas á centralita descolocou a
Ruiz, antigo látigo de conciencias nos cabarés, que
explicou que a súa intención era boa, que aquelo non
era un telemaratón nin era caridade e outras verdades de
telepredicador. Logo, pola mañá, recibín unha
mensaje no móvil (¡Nunca Máis Pedro Ruiz!),
unha chamada telefónica (¿Pero que se cree esa
gente, que somos Nicaragua?) e un correo electrónico
dun colega colaborador dunha web de música clásica,
pedindo reproducir a columna de onte para tentar frear a avalancha
de concertos solidarios.
O que teñen as emerxencias é
que sacan o mellor e o peor de cada un. Hai abondosos exemplos do
primeiro e soamente cinco ou seis do segundo, aínda que os
vemos todos os días. Así que apunten estes outros:
os organizadores estes días dunha festa do marisco na Mariña
luguesa, algúns avispados hosteleiros da Costa da Morte e
de Ons que aplican o tradicional principio de ave de paso,
cañonazo ós voluntarios que limpan o entorno
que lles trae ós parroquianos o resto do ano, e por se fora
pouco, os que argallaron un virus informático Prestige co
engado de que son fotos inéditas do asunto.
Se o das mareas varias do Prestige é
un castigo divino, a ver se polo menos damos salvado a dignidade.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|