|
¡Pasta ya?
A día de hoxe hai tres cousas que
me poñen auténtico medo, as tres máis que probables.
Que esto non se acabe nunca, que veña a terceira marea negra
e que comecen a proliferar os festivais de solidariedade.
Perdoen que me poña antigo e metalúrxico,
pero a caridade, ou a solidariedade coa que a veces se confunde,
ponme dos nervios, porque é un sucedáneo da xustiza.
Non a caridade puntual para remediar no posible casos concretos
mentres a xustiza non ten trazas de chegar, nin a solidariedade
entendida como asunción activa dos problemas dos demais.
Falo de actitudes que se están producindo e que me recordan
pola súa eficacia e a súa intención as visitas
de Carmen Polo de Franco ós afectados das riadas que botaban
no NO-DO.
Xa sei que son emocionantes posturas como
as da xente dese lugariño de Guadalajara que decidiu non
celebrar as festas de Nadal, e doar o aforro ós afectados
polo Prestige. E tampouco ignoro que os afectados, as confrarías
e os grupos ecoloxistas necesitan cartos. Falo dese persoal que
encontra nas desgracias alleas o seu hábitat natural, como
a polilla na roupa húmida. Ese arquetipo Bob Geldorf, que
pasou de ser un mal cantante punk a un pésimo organizador
de festivais solidarios nos que os beneficiados nunca vían
unha cadela. Tampouco ignoro que quizais sexa máis doado
axudar ós necesitados do terceiro mundo que conseguir que
o goberno de turno devolva o que roubou, aínda que sei dun
que atopou mantas eléctricas nun almacén da Direçao
Geral para a Prevençao e Resoluçao das Calamidades
de Mozambique (popularmente, as Calamidades, que é
onde van parar as axudas a aquel país).
Pero resulta que somos cidadáns
dun estado que cobra impostos, bastantes para o que fai, e o avión
que se estampou hai días (primeiro de 70 e pico que se van
comprar) custaba mais dos 60 millóns de euros aprestados
para remediar o do Prestige. E especialmente repugnante é
ese espectáculo dos políticos que se ufanan en vir
con cartos no peto, como se pasaran previamente polo caixeiro a
retiralos da súa conta persoal (logo de avisar ás
televisións), e como se non estivera claro que con eles,
ademais doutros buracos, pretenden tapar as bocas.
Así que doen canto lles pida o corazón,
a cabeza ou o peto, pero eu esixiría que o Estado, en canto
se serene e se deixe de guiar polos telediarios, aporte exactamente
as mesmas cantidades doadas, e os afectados se gasten a pasta en
farras ou no que queiran. A caridade, como decía Ambrose
Bierce, é aportar cinco dólares para aliviar ó
propio avó, que está nun asilo, e publicalo nun periódico.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|