volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(09-12-2002)

Arriba e abaixo

Un optimista é un pesimista mal informado, pero podemos e debemos sacar conclusións positivas no medio de tanta negrura. A máis obvia, que aquel mundo de bos e malos (por non facer o chiste de branco e negro) que pareceu morrer coa aplastante hexemonía do pensamento único e o periodismo débil, está ben vivo. E esta supervivencia non é boa nin mala, simplemente é un feito, que ademais deixa a cada un no seu sitio.

Por exemplo, queda claro que as famosas autoridades, designación ambigüa que se lle vén dando nos medios de comunicación ós que gobernan este asunto, dado que non se sabe moi ben quen o fai ou non saben, ou saben pero non contestan, ou minten ó contestar. Por repasar unicamente os últimos logros, o de levar o petroleiro fóra das 120 millas da costa, que foi a esperanza que nos venderon a primeira semana, foi o único que se cumpriu. Agora está a 133 millas de distancia e 3 kilómetros de profundidade. Desgraciadamente, non se realizou aquelo de que o fuel se ía converter prácticamente nun adoquín polos efectos da temperatura, a presión e a intercesión do apóstolo Santiago. O adoquín real debe estar noutro lado.

Logo está ese señor que sempre afirma que dá os datos que ten, que primeiro dixo que non había manchas no lugar onde se afundiu o barco, logo que as había pero eran do combustible, e finalmente que as hai pero non se moven desde hai días. Observen que na secuencia de afirmacións falta unha fundamental: hai manchas. Como comprenderán, se enganan en algo que salta á vista, imaxinen a verdade que hai neso de “Menos impuestos, más seguridad”.

Outra afirmación rotunda era que serían técnicos e expertos quen limparían as praias. Mesmo advertiron por fax ó Concello de Ferrol contra o ocurrencia de organizar a limpeza municipalmente. Agora, sácanlles as castañas do lume voluntarios indíxenas e foráneos. A Xunta dedícase a rotular as palas (non sei se para que llas devolvan) e os medios oficiais e facer un canto á sana solidariedade interrexional.

E logo está o curioso caso das empresas. Sei que Seur transporta material de balde, escoitei dun modesto distribuidor de roupa que doaba pantalóns e dunha cooperativa de minusválidos que regalou un camión de empanadas, pero sentin nada de ningún deses capitáns de empresa que fan grande a Galicia (quitado Fefé Fernández Tapias, que está saíndo pero por outros motivos).

En definitiva, aquí, como sempre decían que pasaba, dan o callo os de abaixo e os de arriba non moven un pelo do bigote. A maiores, agora dánse a coñecer contas correntes para donativos... ¿con que fin?, ¿co de manter o déficit cero?

 

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos