volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(05-12-2002)

Entra un tipo cunha pistola

Renuncio. Non hai forma. Un mátase a sacarlle punta ás cousas, a buscarlle as voltas ó que pasa, e ¿como responde a realidade?: poñéndose nun punto tan cómico, se non fose tráxico, que non hai maneira de superala. Como se seguise o consello que daba penso que Raymond Chandler sobre como facer avanzar a acción nunha novela negra cando estaba atrancada: facendo entrar a un tipo cunha pistola, e logo xa se vería que pasaba.

Capítulo 1. Pasan días asegurando que se está afastando o barco e culpando do asunto a todo bicho vivinte, desde Xibraltar ó Reino Unido pasando por Grecia, sen esquecer ós ventos e a súa nefasta teima en rolar. Afastado o barco, vai e resulta que rompe (¿que esperaban?, ¿que se evaporase?), e a acción interrompese. Non haxa medo, a realidade fai entrar ó tipo da pistola: aparecen os vertidos que non hai e que non ían afectar a Galicia. (Naquela conclusión de que non, puido influír o feito de que no comité de crise non tiñan un mapa da costa).

Capítulo 2. Hai unha coordinación tan perfecta que nin falta fai que ninguén se ocupe, e todos o celebran matando bichos, recibindo o cogomelo de honra ou participando noutros actos de alto contido político. Mandan ó Rei para que dea a cara e resulta que un tipo (o da pistola non, outro) que está farto de que o visiten e o filmen, lle canta o que hai, que nin lles dan nin medios nin sequera de comer, e que onde está o exército. O exército é un exército profesional, e debe estar moi ocupado preparándose para invadir Irak. É curioso que un soldado profesional valla para servir na voda da filla do almirante e non para apañar residuos. Eu, de recluta gratuíto, pasei medio campamento de instrucción cambiando croios de sitio.

Capítulo 3. Mariano Rajoy asegura que a mancha grande anda por aí perdida, que temos unha pequena por Fisterra, pero xa andan nela eses barcos que nós non temos porque temos de todo. Daquela, un manchote indocumentado entra pola porta de Arousa, sorprendendo ós medios oficiais anticontaminación e a todos os que lle fan caso a Rajoy. Onte dixo que o fuel non entrara na Ría de Vigo, e xa estaba eu temendo que podía pasar, cando escoitei algo máis terrible¨: o ministro Zaplana proclama que se equivocan "estrepitosamente" os que acusan ó Goberno de descoordinación. Hai que ser inconsciente. ¿Que resposta dará a realidade? Miren cara a porta, seguro que entra un tipo cunha metralleta.

 

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos