|
Efecto fuel
Estoulle dando á tecla por un remoto
mecanismo atávico-profesional ou por mero acto reflexo, como
os rabos da lagartixa separados da lagartixa propiamente dita. Teño
o brazo mazado de tanto beliscarme e ando mareado de tanto palpar
a cabeza a ver se levei algún golpe que non recordo. ¿Pasou
algo o domingo?
Ben sei que os periódicos do luns
recollían que houbo unha macromanifestación, pero
nos audiovisuais non houbo a penas rastro. Mesmo teño unha
vaga idea de que a tarde aquela, nunha emisora que asegura que dá
todo noticias, so escoitei falar de 20 barcos que loitaban contra
a marea. Supoño que contaban as lanchas da Garda Civil, que
a falta doutros medios, debían estar apañando o fuel
con tricornios. Esa noite, na tele, despois das habituais imaxes
de indíxenas que confesan vivir do mar, logo das afirmacións
contundentes duns señores que van moito por Caión,
botaron imaxes de pernas (si, de pernas) e unha aglomeración
de paraugas, pero non moito máis.
A culpa é por facer as cousas en
Santiago, que non está preparada para estas cousas e os fotógrafos
debéronas pasar canutas para conseguir que unha imaxe valera
máis que 250 palabras. E non é localismo, porque tamén
luciría máis en Vigo. Ou quizais fose, como di un
meu amigo rabudo aínda que disperso, que os organizadores
deberan chamarse Plataforma ¡Pasta Ya!, que xa verían
como os días anteriores lles facían entrevistas anunciando
a manifestación, e logo unha chea de reportaxes con simpáticos
cidadáns de Palencia dando as razóns de terse desprazado
a participar. Outro amigo pensa que tamén pasa que uns e
outros parecen querer enterrar o asunto porque os convocantes non
eran exactamente os adecuados.
Menos mal que Aznar dixo antonte que comprendía
as razóns dos manifestados. Claro que o presidente compórtase
xa como un ex presidente, e tanto lle ten todo. Anda de estrela
invitada nos infoshows da televisión de Berlusconi e nin
debe ler os informes que lle pasan. Cando lle critican a falta de
medios, responde que ningún país ten medios para evitar
que os petroleiros partan, sen reparar en que se refiren ós
medios logo de que os petroleiros partan. Non está o tanto
de que os barcos capaces de coller vertidos do mar son todos de
fóra, e que o único exército que está
colaborando agora nos labores de limpeza é o belga. Ou é
que xa se ve como presidente europeo, ou é que fai caso desas
noticias dos 20 barcos.
No meu caso, penso que estou así
polo efecto do fuel ese que é malo pero a modo. No del, non
lle encontro explicación.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|