|
Pagando o que debemos
Acabo de chegar de Santiago, de despedir
a uns amigos de León cos que quedara alí e de colgar
a secar ós pequenos, que veñen ensopados. Teño
o teléfono móbil cheo de recados tipo por onde
estabades, que vin a mengano e zutano pero non a vós.
De feito, alí estaba todo o mundo, non soamente os 3.000
rabudos habituais que deu contado rapidamente (quizais demasiado
rapidamente) o señor de Mesa desde a súa envidiable
altura. Estaban, non digo o fiscal García Malvar e o Abade
da Colexiata, pero fóra eles, todos, de todas as idades e
colores. E vin contento porque pagamos o que debemos.
Eu fun, ademais de polas razóns
polas que foron vostedes, porque penso que lles debiamos algo, unha
explicación ou unha reacción, a toda a xente de fóra
que se solidarizou con Galicia. A esa mocidade ben intencionada
que chega a milleiros a papar un frío húmido en lugar
de estar quentes na casa ou nun bar (de caza non penso que vaian
moitos), a limpar praias nas que nunca se bañaron, e a axudar
a xente que non coñecían. Ós que te chaman
por calquera razón, mesmo profesionais, e o primeiro que
din é ánimo, como se che morrera alguén
(e razón non lles falta). Ós estranxeiros que mandan
barcos e material (que supoño que cobran, e oxalá
que a prezo de ouro). Ós que son de aquí, e non están,
como a miña cuñada Liliana, que chama a diario e onte
foi á Porta do Sol, ou ó adestrador Fernando Vázquez,
que dixo en público que tiña que estar en Barcelona,
pero que o seu corazón estaría en Santiago, e chorou
ó decilo.
Toda esa xente debía pensar no
fondo que somos, non sei como expresalo... uns capados. Mexan negro
e espeso media ducia de veces por nós nunha soa xeración
e nós a decir que chove, a laiarse da desgracia diante das
cámaras e a coller o chequiño da administración,
e moitas gracias, don Menganiño, ata a próxima vez.
Pois douscentos mil (que ademais de pagarse a viaxe son dos que
poñen os cartos que logo veñen outros a decir que
dan, como se os sacaran do seu peto) dixeron que nunca máis.
Eu teño un traxe de augas que me
deu o Ministerio de Fomento unha vez que Álvarez Cascos e
Aznar viñeron visitar as obras do porto exterior de Cabo
Prior. Como acabo de escoitar que van vir a solucionar o problema,
non a facerse a foto, póñoo a disposición do
primeiro que veña. A pala que a poña el.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|