|
Hernández & Fernández
A pasada semana chamáronme dunha emisora
arxentina para que lles contara como estabamos por aquí,
deferencia que lles agradecín tendo en conta como están
por alí. Preguntáronme polas consecuencias da marea
negra (esa que non hai) no turismo, e díxenlle que o grave
eran as demais consecuencias, porque co turismo nunca se sabe. Despois
do Mar Egeo, os turistas facíanlle máis fotos ós
restos enferruxados que á Torre de Hércules. E o domingo
pasado en Muxía había tanta xente como na Virxe da
Barca.
Eu teño un amigo moi solidario (supoño que teño
máis, pero falo deste), que o domingo saíu da casa
armado co kit completo de botas, pala, angazo e roupa impermeable.
Colleu cara Barrañán, e na praia, no medio da merda,
onda un 4x4, había dous axentes do Servicio Forestal da Xunta,
perfectamente uniformados e dotados de prismáticos e mancontros.
-Que hai, veño axudar a limpar.
-Falta fai, si señor, que esto está fatal -contestoulle
un.
-Pois si, estar está fatal- apoiou o outro.
-¿Por onde empezo?, ¿onde está a xente?
-As cuadrillas están en Razo, pero habería que limpar
tamén aquí, que está fatal -dixo o primeiro,
Hernández para entendernos.
-Fatal si que está - sentenciou Fernández.
Consensuado o estado de Barrañán, Hernández
tirou de mancontro.
-¿Razo?, habería que actuar en Barrañán,
esto está fatal... xa... Oia -díxolle ó meu
amigo- ¿vostede trae material?
-Material traio para min, non sabía que...
-¿Razo?, material non temos moito, pero aquí hai interese.
Nese momento, Fernández, que avizoraba cos prismáticos,
fixo un descubrimento na distancia.
-¡Alí hai tres paleadoras!
-¡Temos tres paleadoras! -comunicou gozoso Hernández
polo aparato, e inquiriu a Fernández- ¿con xente?
-Sen xente.
-¿Podiades mandar a alguén?... Ah, xa.-preguntou Hernández,
e logo calou.
-¿Que, van vir ou non? -interesouse o meu amigo.
-De momento non, pero se pode esperar un pouco...
-Pois non, non teño toda a mañá
-E que nós temos que trasladar a un paxaro - desculpouse
Hernández.
-Si, temos que levar un paxaro -asentiu Fernández.
Colleron o 4x4 e fóronse. O meu amigo tirou para Caión.
Na praza había un coche de Antena 3, outro duns ecoloxistas
franceses e un de Protección Civil. Non, non sabían
de cuadrilla ningunha (os de Protección Civil), pero onte
si que houbera. Estaban agardando ordes, e mentres dirixían
o tráfico. Meu amigo meteuse no bar a comer algo e ver un
partido do Albacete, e eso que non lle gusta o fútbol.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|