|
Fuel, mentiras e cintas de vídeo
Hai diversos tipos de mentiras. Está a
chamada piadosa, que se di en teórico beneficio do mentido,
sen por suposto consultalo previamente. Logo está a falsedade,
que en definición de Ambrose Bierce, é unha verdade
á que os feitos se axustan vagamente. Dentro da categoría
da mentira tamén temos ó que non as di, senón
que se limita a ser económico coa verdade. Finalmente están
as cifras e estatísticas. Vexan a ampla variedade á
que se poden acoller no caso que nos ocupa, o do Prestige.
Por exemplo, non mentir pero ser económico coa verdade é
afirmar que se escolleu alonxar o barco porque era a mellor solución
técnica. Os que mandan consideran que "técnica"
ou "ciencia" son aínda conceptos tabú, como
os lugares ós que non se podía entrar ou os privilexios
que non se podían tocar, so pena de mosquear ós malos
espíritos. Como se non estivesemos afeitos a que un técnico
che diga que o vídeo non ten amaño, e outro che xure
que con limparlle os cabezais pita de novo. Cando despois les por
aí que non se consultou a ningún inspector da Capitanía,
chegas á conclusión de que os asesorantes debían
ser técnicos en imaxe e relacións públicas.
Como mostra de falsedade, está a reiterada afirmación
de que hai unha excelente coordinación. Pode ser verdade
que os representantes e técnicos das distintas administracións
estean entre si a partir un piñón, teñan un
grao de compenetración tal que nin Valerón e Makaay,
e que das reunións que manteñen xurdan grandes amistades
ou mesmo matrimonios. Desgraciadamente, os feitos, a realidade do
coordinado, non se axustan a esa verdade oficial. Pásalles
como a aquel que xogaba unha partida de xadrez polo libro, e perdeu
porque o contrincante facía o que lle petaba.
Mentira piadosa foi a de Fraga de que non podía personarse
na zona afectada porque tiña moitas ocupacións parlamentarias
e estaba tomando decisións por teléfono ó ritmo
de Deep Blue, e non porque dedicou a fin de semana a cazar en Toledo
e o resto dos días a todas esas cousas abstrusas que fan
os dignatarios para facer que fan. Os administrados son xente inocente
e temerosa de dios -unicamente así se explica o seu voto-
e saberse desasistidos sería peor que estar desasistidos
de feito.
E como exemplo de mentira-mentira, simplemente dous: o barco mentres
ía da ceca á meca non vertía, e o que hai na
costa non é unha marea negra, senón manchas localizadas.
Se as imaxes de satélite e os vídeos demostran o contrario,
peor para eles. En canto ás mentiras estatísticas,
agarden a que o CIS faga un sondeo sobre que pensamos do que fixeron.
|
01-12-2004 11-11-2004 16-11-2003 13-11-2003 06-11-2003 08-10-2003 29-09-2003 13-08-2003 04-08-2003 03-07-2003 14-05-2003 24-02-2003 27-01-2003 09-01-2003 08-01-2003 06-01-2003 02-01-2003 23-12-2002 19-12-2002 18-12-2002 16-12-2002 12-12-2002 11-12-2002 09-12-2002 05-12-2002 04-12-2002 02-12-2002 28-11-2002 27-11-2002 25-11-2002 18-11-2002
|