volver á páxina principal Catástrofe ecolóxica en Galicia
Xosé Manuel Pereiro publica a columna titulada Si home si en La Opinión de A Coruña, recollida no libro Si home si (Edicións Xerais, 2001). Os presentes artigos son algúns dedicados á traxedia -en tódolos aspectos- do Prestige.
"Si, home, si"(01-12-2004)

Conviccións

Xa sabía eu que non me ía poder librar. Non lin os periódicos, non escoitei máis radio que a que salta cando se acaba a casete, pero non me puiden subtraer das secuelas do Gran Sermón que impartiu Aznar. Debo ter un imán no subconsciente para estas cousas, para os líderes de aceiro que manteñen posicións de ferro.

Como saberán, o noso desaproveitado estadista non se equivocou en nada no tráxico suceso do 11-M, e foi vilmente traizoado no para el non menos tráxico asunto do 14-M. Nas dúas traxedias está máis ou menos clara a autoría material (os terroristas islámicos e o electorado, respectivamente), pero está por esclarecer a autoría intelectual, ou mellor dito, está por probar. En canto apareza algún Abderramán Garicanoetxeberría que traballe na SER ataranse todos os cabos e a verdade resplandecerá sobre a escuridade e as tebras. Pasará tarde ou cedo, porque Aznar dixo ter a firme convicción de que así é, e as firmes conviccións hai que tomalas en serio aínda que choquen contra a realidade dos feitos (antes, cando se chamaban pálpitos, corazonadas ou dáme que si, tomábanse de coña), sobre todo as dun home que tiña unha convicción tan firme de que había que invadir Irak que o decidiu sen siquera comunicárllelo antes ós membros do seu goberno.

En realidade, o argumento que esqueceu Aznar na súa trabada e extenuante exposición foi que os ministros que tiveron a honra de servilo en Interior nin cheiraron a que se estaba organizando foi porque as administracións públicas están en realidade moi especializadas. Hai pequenas corporacións locais especializadas en ir tirando, poñerlle puntos de luz ós amigos e deixar rebozar na lama ós desafectos, e outras máis grandes que centran o seu labor en facilitar o desenvolvemento inmobiliario. Os gobernos do PP tiñan unha avanzada tecnoloxía concebida para vencer e desarmar ó terrorismo etarra, entorno incluído, pero non ó islamista. Dese tema deberíase ter ocupado máis ben, segundo o exposto por Aznar na comisión de investigación do 11-M, o departamento de control electoral. Igual que creo sinceramente ós responsables da Xunta que teñen a firme convicción de ter afrontado a marea negra do Prestige cun grao de organización razoable. Unha administración deseñada para sacar rendemento electoral, favorecer o desenvolvemento do país sen interferir no dos amigos e organizar macroverbenas, non está para eses apuros, e visto así, bastante fixeron. En xeral, por moito que manteñamos, eles e nós, a ficción de que se ocupan de case todo, ás administracións pásalles o mesmo que ó estudiante que asistía a unha conferencia de Borges nunha universidade norteamericana, e non entendeu unha cita a Las mil y una noches (The Arabian Nights, en inglés). “Non estudio a especialidade de árabe”, argumentou o oínte o seu descoñecemento. “Está na especialidade de noites”, contestoulle o escritor arxentino.

Esa é teoría razoable sobre a incompetencia, o que pasa que as teorías da conspiración universal dan máis xogo. Cando as autoridades sanitarias dos EEUU decidiron nos anos 50 engadir fluor á auga da traída para mellorar a saúde dental, moita xente (claro que ningún presidente en activo ou en pasivo) tiña a firme convicción de que se trataba dunha conspiración comunista para debilitar ós norteamericanos. Unha explicación moito menos razoable é a que se lle aplicaba a Idi Amin: o raro non é que chegase a presidente de Uganda, o inexplicable é que chegase a sarxento do exército británico.

01-12-2004
11-11-2004
16-11-2003
13-11-2003
06-11-2003
08-10-2003
29-09-2003
13-08-2003
04-08-2003
03-07-2003
14-05-2003
24-02-2003
27-01-2003
09-01-2003
08-01-2003
06-01-2003
02-01-2003
23-12-2002
19-12-2002
18-12-2002
16-12-2002
12-12-2002
11-12-2002
09-12-2002
05-12-2002
04-12-2002
02-12-2002
28-11-2002
27-11-2002
25-11-2002
18-11-2002

amortedacosta@degalicia.org

Web informativo ofrecido por Fillos de Galicia para
os emigrantes galegos