| (extractos)
Non sei o que acontecerá, so sei que esta desgracia tremenda e ruín quizáis deixe algo bo detrás, o nacemento da conciencia nacional deste pobo galego que foi desprezado e estafado ata o extremo. Que se viu só na súa dramática situación histórica, separado absurdamente da nación portuguesa e abandonado pola España. Esta crise obrigounos a ollar o mapa da Península e a concluír que no futuro temos de reconstruír urxentemente relacións sólidas cos irmaos portugueses en todos os terreos e que a Galiza ten de resituarse dentro da España e da Europa como o que debe ser, unha nación que defende os seus lexítimos intereses.
Atrévome a dicir, e remato, que deberamos manternos firmes nun punto esencial, que o Estado garanta que esta calamidade, nacida a partes iguais da cobiza de especuladores sen escrúpulos e da incompetencia e irresponsabilidade da Administración, non obrigue a marchar a nin un só galego máis.
Pero se algo estaba ocorrendo non podía ser nada importante, pois unha desgracia ou catástrofe desplazaría ao lugar inmediatamente a presidentes de Goberno central, autonómicos, ministros, delegados do Goberno e demais autoridades. E por alí non apareceu nin quisque, por máis que os mariñeiros e as súas familias se angustiasen co que, confundidos, crían ver diante deles.
As autoridades galegas cren nos esconxuros, que con palabras máxicas se pode transformar a realidade, así que proseguiu a loita entre as palabras e os feitos.
Os emprendedores da costa que aínda quedan farán o que xa fixeron antes os seus veciños, coller a maleta.
O que si parece é que aquí estes días non houbo Estado. Se cadra, nunca o houbo, o emperador estaba espido e convenciámonos para velo engalanado.
A costa galega, recortadísima, é moi extensa, 1.950 km e é un dos cinco puntos do mundo con máis perigo segundo a OMI (Organización Marítima Internacional), pero o radar que ten que cubrila non cobre todo o litoral. Os tres maiores accidentes marítimos con hidrocarburos de España ocorreron aquí, pero para remolcar o petroleiro so había un remolcador obsoleto, o máis grande que estaba destinado na Coruña está agora en Xixón. Cando non hai estirase. Polo corredor marítimo que pasa diante da costa galega circulan corenta mil barcos cada ano, case todos cargueiros e moitos con mercaderías extremadamente perigosas, pero as próximas inversións do Ministerio de Fomento no seu plan especial de protección marítima serán en Cádiz, Cartaxena, Ceuta, Pasaxes, Chipiona e Málaga.
Sobre a crise de todo o sector pesqueiro, sobre a crise das vacas tolas, sobre a insuficiencia das comunicacións sobrevén a ineptitude, unha ineptitude pegañenta e terrible.
Despois de todo poida que sexa razoable que Galicia teña voz propia na Unión Europea (...)
Polo visto, para unha voda no Escorial reúnense fácilmente todos os ministros, para isto pola contra está sendo verdadeiramente difícil, seguramente porque servimos o marisco algo luxado.
Un ten a impresión de que o que para nós é unha enteira catástrofe para o Goberno é unha media catástrofe nunha comunidade autónoma mediopensionista. Un semipaís gobernado con mando a distancia por gobernantes extremadamente distantes. Iso parece.
A Xunta é unha ficción, o que vemos no televisor é unha teleserie, o presidente e os conselleiros son actores contratados.
«Non aceptan consellos dos mariñeiros», di o alcalde de Corcubión. A soberbia case sempre oculta a pura incompetencia, parece o caso.
Hai que ser incompetente e afeccionado para ser incapaz de reaccionar como gobernantes, simplemente exercendo as responsabilidades.
(...) pretender tapar a realidade a base de propaganda. Ou de seguir comprando vontades, como denuncia o patrón maior de Fisterra, que afirma ter recibido unha chamada do secretario de Galicia do partido gobernante ofrecéndolle, a cambio de calar, duplicar o financiamento da confraría.
Eu estaba alí e polo que oín e vin pareceume que o animal de duascentas mil cabezas de todas as idades pedíao todo, a de Fraga e Aznar, a dos seus ministros e conselleiros, a do seu esperpéntico delegado do Goberno. Alí pediuse a dimisión de todos e de todo.
(...) tensase a sociedade como un resorte e hoxe se mobilizasen as persoas máis dignas e vivas deste país ao que maltrataron e desprezaron ostensiblemente. Aquela xente sentíase ofendida. E por iso unha boca de duascentas mil cabezas berrou «dimisión». Unha dimisión tan grande coma a ofensa e o daño. Un plebiscito rotundo.
Un dano no costado de Galicia pero tamén da Xunta, onde o suposto emperador mostrou a súa nudez, Fraga foi incapaz de defender a súa autoridade no seu territorio, non era o home providencial que conseguiría cousas de Madrid, senón unha vella gloria tolerada porque está nun lugar apartado.
(...) pero para os galegos foi e é unha cuestión de estado. E desembocou nunha crise de confianza profunda da sociedade no Estado.
Os que estaban alí sabíano, porque simplemente levan días sen crer nada do que conta o Goberno e as televisións que son o seu altofalante. Porque saben que está ocorrendo todo o que o Goberno nega e porque ao meu arredor non cesan de xurar contra a propaganda escandalosa que substitúe á información, berrán «Televisión, manipulación», case con tanta forza como «dimisión».
(...) oxalá comprendan tamén que, aínda que coxa e malparada, Galicia é unha nacionalidade histórica que ten a súa expresión política e non vai deixar de tela.
Maxestade, os galegos estamos pacificamente insurrectos contra os ineptos e os irresponsables que nos están desgraciando o que temos.
Unha Galicia liberada marcha detrás dos nosos dez mil gaiteiros insurrectos.
Sei ben que haberá algúns que non se alarmaron pola desgracia que nos golpea pero que en cambio se desgustarán polo noso cambio, «era mellor antes, caladiños estabades mellor» dirán. Pero xa non podemos calar. Perdemos o medo, a mordaza está manchada de chapapote e quitámola, daquela gritámoslles enfadados as autoridades, insultámolas e dicímolo todo a gritos, ímolo dicir todo, imos gritar a verdade dos nenos: ¡o emperador está espido!
Se non fose polos que viñeron ata aquí acabaríamos crendo o que nos dixo o Goberno, que non era para tanto, que o que víamos non era certo. Que tolearamos, en suma. Pero non estamos tolos e o que os nosos ollos ven e as nosas mans lixadas tocan é certo. O noso non é delirio. Estamos na realidade, é ese Goberno quen non está.
Son fantasmas e están posuídos por un delirio e por obsesións que non os deixan descansar e por iso castigan as nosas vidas.
(...) sabemos que o presidente do Goberno é un fantasma que so pode aparecer nas engañosas pantallas eléctricas, por iso o seu lugar é un plato a carón de Rafaela Carra e non entre nós.
Sabiamos que Galicia non ocupaba moito lugar no imaxinario da política española, pero non sabiamos ata qué punto chegaba a ignorancia e o desprezo dalgúns.
E cando un partido que ocupa as institucións bloquea a resposta do Estado que precisan os cidadáns o que sucede é que o sistema político bloquéase, créase unha crise do Estado. O que vemos dende Galicia é iso, a maior crise política dende o intento de golpe de estado do 23-F.
Un duro momento de revelación, cando se está a punto de perecer e entón descóbrese que un está só. Con toda a súa grandeza tráxica, só. Galicia está vivindo ese momento, veuse soa, á dura intemperie da vida.
Cos seus traxes brancos luxados e as súas máscaras como antefaces parecen pierrots candorosos nunha paisaxe brava. Algúns nin sequera teñen ferramentas, soamente a súa inocencia, pero esa xente é a máis temible, a que máis molesta a unhas autoridades desconcertantes que se senten acusadas por esta xente con ferramentas de xoguete.
Estas costas viron chegar ameazantes a romanos, viquingos, árabes, ingleses..., agora vemos nas fotos aéreas que se achega unha nova escuadra escura e densa.
As manchas voraces queren devorar todo ese traballo, esa riqueza e esa esperanza de ter unha vida na propia terra.
Mentres as Rías Baixas ferven de vida económica e de poboación, son un oasis de vitalidade, as Altas aseméllanse a moitas outras zonas de Galicia e fóronse despoboando. Igual que un petroleiro vello, Galicia segue tendo perdas, mandando emigrantes, cada ano perde poboación. A asfixiante propaganda oficial poderá enturbar esta visión pero este vello país séguese desangrando.
A xente nova simplemente marcha destas vilas de pouca esperanza, onde só brilla o sol no verán turístico, despois de todo isto que está chegando os que aínda aguantaban han marchar.
Morreron os vellos deuses e heroes de sangue vermello e campan piratas e monstros de sangue negro.
O chapapote nas praias que agora é unha maldición cumprida é unha ameaza amagada todo o ano.
Deses días quedará unha incerteza nova ou maior, a sospeita de que un está só e de que detrás non hai ninguén, non hai estado, administración.
Cando se buscaba información o que chegaba era tamén fume negro, había que beber en augas portuguesas. A desinformación e a pegañenta propaganda na radio e televisión públicas tamén contamina (...)
Un psiquiatra di que virá a depresión e a tensión postraumáticas; é un diagnóstico probable, pero innecesario. Vívese dende hai séculos nesa melancolía postraumática, chamámoslle saudade, soidades, morriña. Tamén resignación. Contra esa derrota só houbo a cura da emigración, ás veces exilio.
Pero hai que ir e velo e sabelo, aínda que a peste nos luxe o calzado e nos afogue o peito.
A estas alturas creo que xa se pode dicir que, derrotado e vencido o xornalismo, os telexornais gobernamentais están militarizados.
Non temos Xunta nin Goberno, pero temos á xente.
Pois estamos orgullosos dos nosos mariñeiros, que son quen de defender o seu e o de todos, e dos voluntarios chegados de toda España e doutros lugares, tamén eles son os «nosos» voluntarios, tamén eles son novos galegos.
Neste mes escaso os galegos fomos enganados, insultados, desprezados, oímos debullar restras de imbecilidades pero, aínda que estamos ofendidos, sentímonos máis fortes ca nunca.
É coma se os medios de comunicación gobernamentais fosen os dun país e os privados doutro. Desgraciadamente xa non se pode falar de medios de comunicación públicos, son gobernamentais.
(...) esta Administración ten de todo, ata científicos que cultivan unha ciencia particular, paralela á real. Como tivo técnicos con técnica propia que segundo contan aconselláronlles facer o contrario do que opinan o resto dos técnicos do mundo.
A cultura política desta xente que ocupou o Estado como «okupas» perversos é facer coa política como o rei Midas ou os alquimistas, pero en sentido contrario, transforman o ouro en merda negra e pegañenta.
Por iso lles agradecemos tanto aos medios de comunicación privados que fixesen un servicio público, déronnos información aos galegos e aos españois do que ocorría. Se non leramos, viramos, curamos esas infomacións veraces creriamos que estabamos tolos ou tiñamos unha epidemia de problemas ópticos, manchas na paisaxe.
(...) universidades doutros países poderán analizar o proceso de dexeneración político vivido en España que chegou a que un Goberno impedise que o Estado protexera aos cidadáns dunha catástrofe que o mesmo Goberno axudou a provocar.
Nin sequera sabemos cánta carga tiña efectivamente o barco, nin qué carga era, só sabemos que nos menten.
Os galegos vemos perigar o futuro do noso país, representamos xa unha sociedade ferida de morte, non merecemos que nos fagan isto, nin sequera o merecen as persoas que votaron a ese partido.
(...) a Xunta tamén se atrincheirou nos platos da televisión autonómica.
É unha loita desigual, pelexan en dúas frontes, contra as manchas e contra a inepcia da administración.
Están aprendendo cal é a súa forza, se poden enfrontarse á man á marea negra tamén poden facelo cuns políticos caducos e prescindibles. Son unha nova Galicia que nace no medio desta crise.
Hai unha Galicia que acaba de saír en número de máis de duascentas mil persoas as rúas das cidades autoconvocándose, autoorganizándose, reinventándonos todos coma se fosemos nenos maiores (...)
Nese enreixado están encadeados hoxe xornalistas. Encadeáronse para que se vexan as cadeas que os atan todo o ano, son sindicalistas da Radio e Televisión Galega, esa radio e televisión absolutamente desprestixiadas (...)
Os encadeados denuncian que a propaganda gubernamental matou a información.
Galicia hai tempo que vive sen aire, o aire é a liberdade, e non hai liberdade sen liberdade de información.
Aproveitemos que o mundo descobre que existe neste territorio un país chamado Galicia para que os observadores internacionais non analicen soamente a calidade da auga e observen o estado catastrófico da liberdade de expresión e de prensa. Veñan e pregunten qué país crearon aquí estes anos. Que pregunten polos xornalistas emigrados, ou exiliados, polas listas negras, polos rasputíns que propoñen directores de medios de prensa. Pasen e vexan.
É dicir, que non importa o que pensemos, asume de antemán ese mínimo prezo, di o que di para convencer aos españois que non están aquí e só ven a súa televisión. O seu desprezo cara a nós é tan absoluto. Despreza a nosa desgracia, súa actuación foi na parte causante, e rise de nós.
Criamos que viría a Mariña a salvarnos e resultou que estaban en Iemen ao servicio de Bush. Ou estaban roldando Peregil, alí chegaron en 24 horas e aquí tardaron 24 días. É normal, á fin e ao cabo este é un territorio sometido (...)
(...) e os voluntarios fan a tarea de Sísifo nas praias que cada mañá amencen novamente cubertas polo fel do gran bicho mariño.
Pode que esta desgracia remate cunha forma de vida, coa vida dos mariños e mariñeiros galegos.
Vimos que fomos tratados coma españois de terceira clase e vimos que os que nos causaron o dano non van forzar unha axuda internacional que o palíe, seremos nós quen pague o seu pecado.
Este momento un xa o viviu antes, cando a historia detén o seu paso e zanfonea arredor dun ancián decrépito, as miradas enfermizas dirixidas cara a el. Un feitizo condenou a Galicia a repetir grotescamente a grotesca historia xa vivida, atrapados no tempo, un eterno retorno angustioso.
Mentres, a sociedade galega ten una dúbida existencial. Contempla ante si a calaveira dun barco roto e afundido e faise preguntas. Dá voltas polos salóns da vella fortaleza azoutada polos ventos, pregúntase qué é máis nobre, se abandonarse e sufrir os golpes e padecer as frechas dun destino hostil ou se enfrontarse a un mar de adversidades e acabar con el. Galicia toda está a proba, a súa conciencia está tensa, e deste dilema sairá un neno morto ou vivo, será ou non será. Pode que volva adormecer neste lombo escuro de España a carón do océano ou que naza unha nación, a dos galegos; daquela retocaríase o mapa de coloríns, habería que rotular «Galiza».
Receosos, hai observadores alleos á nosa pena que desconfían das nosas dúbidas, queren de nós o noso vello abandono, gustabámoslles como eramos, servís e calados. E repróchannos que dubidemos, desacougan. Coma se esta proba non existise nunca, coma se non estivese aínda o inimigo en fronte e detrás de nós non sentisemos a traizón.
E nós dicimos que é o noso océano e somos do océano. E quen non guste del, quen non guste de nós, que nos deixe a soas con el. Empezamos a saber cal é o noso lugar no mundo.
E véxome agora guindado de novo ás trincheiras cívicas, confusas e sempre enlamadas; ninguén que entra na trincheira sae limpo. E véxome mesmo imposibilitado de escribir ficción, arrastrado pola marea negra que invadiu todo o meu mundo, tamén as miñas paisaxes de ficción. Son o que era e non podo subtraerme, separarme da sorte de Galicia, a miña paixón triste.
O grande estadista resultou ser un homiño simplemente vulgar, incapaz e malxeniado.
E de agora en diante xa tampouco existe a nosa desgracia na política española, o espacio que tivese que ocupar na axenda desa política xa o ocupou. Agora debaterán outros asuntos.
Oxalá a nosa rabia dure ata que sexa útil e a xente apoie un relevo na Administración, que entre aire limpo.
Agradezo aos xornais que me pediron e me permitíron relatar e vivir na miña maneira esta hora amarga e alta do meu país que me fixo sentir orgulloso de ser galego. Pode ser que si ou pode ser que non, para min, que neste mes asistín ao nacemento dunha nación.
Pareceume que o vello pole do orgullo nacional galego teimosamente gardado e transmitido atopou á fin un terreo humano no que prender, unha sociedade que o acolleu. Pareceume que nestes días vin nacer unha nación dun cataclismo chegado do océano (...)
|